Marín sinalizará o menhir de Currás e restaurará o castro da Subidá
Por Redacción
O menhir de Currás vai a ser obxecto dunha intervención que prevé mellorar a súa sinalización e permitir que a súa interpretación sexa posible para calquera visita, xa que agora mesmo non dispón de ningún panel informativo.
O Concello xa remitiu o proxecto ao departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia, para que emita o seu informe e autorice a intervención.
O goberno municipal entende que a singularidade deste elemento patrimonial, único do Morrazo e un dos poucos existentes en Galicia, avala o interese e conveniencia de levar a cabo esta actuación de sinalización.
O proxecto pretende instalar tres elementos de sinalización. Sería un fito de sinalización vertical, un panel interpretativo e un atril interpretativo.
O fito localizaríase á beira da estrada de servizo da variante de Marín, nas inmediacións do menhir, e serviría para marcar aos visitantes a localización do menhir, cuestión de especial interese para os que se acheguen en coche, moto ou bicicleta.
O panel interpretativo situaríase nas inmediacións do menhir pero non moi preto -a non menos de 7 ou 8 metros- a fin de non competir coa súa verticalidade e non interferir na súa visualización. Nel se aportará unha información que permita ao visitante coñecer o contexto cultural deste elemento patrimonial; o neolítico e o megalitismo.
Tamén recollerá mediante iconas unhas normas para unha visita respectuosa ao monumento. O texto acompañarase das fotografías e debuxos que faciliten a interpretación e que fagan a visita máis amena, en particular para os nenos.
Finalmente o atril interpretativo será o elemento localizado máis preto do menhir, se ben a unha distancia prudencial coa fin igualmente de non interferir na súa contemplación. Aquí se aportará a información centrada no menhir e nos datos arqueolóxicos dispoñibles sobre el, incluída a explicación da súa situación actual distinta da orixinal.
Toda a información estará dispoñible en galego e castelán.
CASTRO DA SUBIDÁ
Outra das actuacións en marcha e que será executada nas próximas semanas é a intervención arqueolóxica de escavación e restauración no Castro da Subidá, unha actuación que ascende a 14.163,29 euros.
Con esta actuación, o Concello quere que este gran atractivo turístico e cultural de patrimonio arqueolóxico de Marín estea nas súas mellores condicións, máis aló dos habituais labores de mantemento, limpeza e conservación.