Xenitais ao aire, cocaína e alcohol circulan por Valdecorvos
Por Redacción
A urbanización de Valdecorvos converteuse este mércores 17 nun espazo para a exhibición e a práctica de condución ilegal por parte de dous mozos que foron sorprendidos pola Policía Local cando circulaban por esta contorna. O copiloto atopábase mostrando os seus xenitais polo portelo do turismo a todo aquel que se cruzase polo seu camiño no momento en que foron vistos polos axentes.
Ante esta situación, a patrulla da Policía Local deu o alto ao vehículo e levou a cabo un control de alcoholemia e de drogas ao condutor. En ambos os test deu positivo arroxando un resultado de 0,60 miligramos por litro cando a taxa de alcohol en sangue máximo permitido sitúase en 0,25 miligramos. Tamén deu positivo en consumo de cocaína, segundo información da Policía Local de Pontevedra.
Os axentes tramitaron denuncia contra os dous mozos, de 20 e 30 anos. O condutor deberá responder por un tipo delituoso ao conducir un vehículo a motor baixo a influencia de drogas tóxicas e de bebidas alcohólicas, mentres que ao copiloto que exhibía os seus xenitais acúsaselle de infrinxir as normas de circulación ao provocar a distracción na vía pública de outros condutores.
No vehículo tamén viaxaba un terceiro ocupante, que non terá que responder ante a xustiza, ao non ser interposta denuncia pola Policía Local.