Rescatan un cabalo a punto de deshidratarse, atrapado nunha cerca en Ponte Caldelas
Por Redacción
A esposa dun garda civil destinado no Centro Operativo Complexo da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra atopábase nas últimas horas cun cabalo que se quedara atrapado no aramado dun cercado nun monte do municipio de Ponte Caldelas. A muller, que paseaba en bicicleta co seu marido polo monte Chan da Arnela, alertou os efectivos do Seprona.
A parella atopárase ao animal tombado entre dúas rocas e atrapado por unha pata co arame dunha cerca, segundo a información facilitada pola Garda Civil. Tratábase dunha egua, que estaba acompañada dun poldro de escasos días, e que parecía totalmente extenuada debido, probablemente, ao esforzo que realizara para liberarse. Presentaba síntomas de deshidratación.
Ata o lugar achegouse unha patrulla do Seprona e entre todos lograron cortar o arame e desprazar ao animal, con axuda duns troncos, ata un lugar máis cómodo e seguro onde lle forneceron auga e algúns alimentos.
A alerta da muller que atopou ao animal e a rápida intervención impediron un fatal desenlace, xa que o animal se atopaba nunha zona moi recóndita e en malas condicións.
Desde o Seprona informábase da incidencia aos servizos municipais do Concello de Ponte Caldelas e realizáronse xestións para identificar o propietario da egua.