Atopan en bo estado o arquitecto da Caeira desaparecido este martes
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
José Paz Andrade, aparecía arredor da medianoite na cidade de Pontevedra, segundo a información facilitada polo servizo de Protección Civil de Poio. O seu estado de saúde era bo e aparentemente non amosaba danos físicos.
O home camiñaba arredor das 23.30 horas pola avenida de Lugo. Foi trasladado ao cuartel da Garda Civil de Pontevedra e inmediatamente puxéronse en contacto coa súa familia, segundo información facilitada pola Policía Local de Pontevedra.
A familia dera a alerta sobre a súa desaparición sobre as 21.30 horas da noite deste martes, tras comprobar que facía dúas horas que non sabían nada del e non regresaba a casa. Segundo explicou ás forzas de seguridade, saíu do seu domicilio na Caeira sobre as 19.30 horas e non regresou.
A Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil de Poio e Policía Nacional e Local de Pontevedra mantiveron aberto un operativo de procura para dar co paradoiro deste coñecido arquitecto de Poio ao desaparecer da súa casa da Caeira.
O home ten 87 anos e está enfermo de alzheimer. Habitualmente adoita pasear por Poio e Pontevedra, onde foi localizado. Pedírase axuda aos taxistas de Pontevedra, pois é habitual que se pare a falar con eles cando están parados na praza de España da cidade do Lérez.