Estudantes do Sánchez Cantón buscan financiación para defender dous proxectos científicos na final dos premios TeenTech
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Trátase da primeira vez que un centro non británico é seleccionado para participar na fase final dos TeenTech 2017. Este éxito conseguírono estudantes de terceiro da ESO e de primeiro de bacharelato do IES Sánchez Cantón.
Son oito estudantes que desenvolveron dous proxectos polos que mostrou interese a organización deste prestixioso premio fundado en 2008 co obxectivo de promover entre a mocidade as opcións que ofrecen coñecementos como a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas.
A proposta de TeenTech céntrase en vincular os estudantes ao mundo da empresa para que se desenvolvan ideas susceptibles de converterse en produtos innovadores. A cada grupo de alumnos participantes, TeenTech asócialle un titor, un profesor universitario especializado ou un traballador que desenvolve a súa actividade profesional nunha das múltiples empresas británicas que colaboran con este proxecto.
É unha situación que sería moi rara en España porque aquí as empresas non se involucran na educación, afirma Benito Búa, profesor de Matemáticas e promotor xunto a Lourdes García, profesora de Tecnoloxía, desta iniciativa no IES Sánchez Cantón.
O grupo de terceiro da ESO, que competirá na categoría de 11 a 16 anos de idade, presentou un proxecto de farol que funciona cun panel solar orientable facía a posición do sol. As tres alumnas que deseñaron a proposta teñen que elaborar unha maqueta con material reciclable no que realizarán unha representación da contorna da Peregrina, tanto en relación co centro histórico como con vinculado á parte nova da cidade. Competirán na sección internacional, aberta por primeira vez neste certame, fronte a proxectos procedentes de centros educativos de Finlandia, Hungría ou Italia.
O outro grupo, composto por cinco estudantes de primeiro de Bacharelato, participan na categoría de 16 a 18 anos de idade. O seu proxecto diríxese a axudar a persoas con discapacidades auditivas. A súa proposta é crear un micrófono direccional que resolva os problemas dos audífonos en locais pechados para evitar outros ruídos e poder seguir conferencias e coloquios. Este grupo terá que enfrontarse a proxectos onde ata agora só participaban propostas de centros escolares británicos.
Todos os estudantes confesan estar sorprendidos pola selección para esta fase final e amosan o seu nerviosismo ante unha cita para a que aínda están a elaborar as maquetas definitivas realizadas con material reciclable como varas de zapaterías, leds de lámparas usadas, cartón pluma o planchas metálicas recollidas dos colectores de lixo.
Precisan 5.000 euros para presentar os proxectos pontevedreses en Londres
A idea de participar nos TeenTech naceu da videoconferencia que o IES Sánchez Cantón mantivo cun centro privado de Gran Bretaña, que participaba neste certame. Tras presentar os borradores os proxectos foron seleccionados entre os tres mellores de cada categoría. Os estudantes terán que expoñer as maquetas no Royal Society o próximo 26 de xuño. O premio está dotado con 1.000 libras pero, segundo expón Benito Búa, o importante é o prestixio internacional que vai asociado a este evento.
NA PROCURA DE FINANCIACIÓN
Agora, o obxectivo é lograr o apoio de administracións e de empresas privadas para pagar a viaxe a Londres aos oito estudantes implicados e a tres profesores durante os tres días que terían que permanecer na capital inglesa durante a fase final deste premio de carácter internacional. O orzamento da viaxe achégase aos 5.000 euros. Afirman que esta participación supón unha oportunidade única para os estudantes ao mesmo tempo que é un elemento publicitario da cidade e da provincia.
"Lo que es la maqueta de las estudiantes de 3º de la ESO va a llevar la imagen de la ciudad a Londres. Es un concurso internacional y nosotros llevamos la imagen de Pontevedra y por eso solicitamos a las administraciones que colaboren en la financiación del viaje", indica Lourdes García. Remitiron xa cartas á Dirección Xeral de Innovación Educativa da Xunta pero aínda non recibiron resposta e, esta mesma semana, presentaron o seu proxecto ao Concello e á Deputación na procura de axudas para que estes científicos tan novos amosen os seus coñecementos en Londres.
Relacionadas:
-
O proxecto de micrófonos direccionais do IES Sánchez Cantón, seleccionado para o InnovAmes
Por Redacción |
-
Os organizadores dos premios TeenTech concédenlle a medalla de ouro ao Sánchez Cantón
Por Redacción |
-
Os dous proxectos do Sánchez Cantón para o TeenTech, rumbo a Londres
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Pontevedra exhibe talento no Reino Unido
Por Marisa Ciordia |
-
Conexión científico-tecnolóxica entre o IES Sánchez Cantón e o Alton Convent School
Por Redacción |