Sanxenxo reparará as deficiencias existentes en seis edificios municipais
Por Redacción
Un total de seis edificios municipais serán obxecto dunha actuación de reparación de deficiencias incluídas nun proxecto que foi adxudicado por un total de 41.669,85 euros e que será financiado na súa totalidade con cargo ao Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra.
O obxectivo é resolver os problemas de humidades e filtracións de auga que padecen estas edificacións, así como proceder ao pintado de determinados inmobles e aulas.
A Casa de Cultura de Dorrón, a anexa ao colexio de Dorrón, a de Nantes, a de Adina, o auditorio Emilia Pardo Bazán e o edificio de Medio Ambiente en Vilalonga son os inmobles públicos nos que se actuará no próximos tres meses.
Así, na Casa de Cultura de Dorrón, na que xa comezaron os traballos, actuarase na cuberta co obxectivo de atallar as humidades que presenta este inmoble, á vez que se realizarán outras pequenas actuacións. As instalacións da Casa de Cultura de Dorrón permanecerán pechadas ao público ata que conclúan os traballos.
Xunto a este inmoble, o Pazo Emilia Pardo Bazán é o que maiores carencias presenta. Unha actuación na cuberta e canlóns, así como as diferentes aulas, buscará resolver os problemas máis graves que presenta o edificio.
Na Casa de Cultura anexa ao colexio de Dorrón realizaranse uns traballos previos de limpeza exterior para proceder ao seu pintado.
Na Casa de Cultura de Nantes colocarase a caixa dunha persiana e procederase ao pintado interior e na de Adina, cartelería.
No edificio de Medio Ambiente instalarase unha chapa de protección dunha varanda e unha barra pasamáns.