A Xunta licita a mellora da estrada PO-234 nun tramo de Cotobade
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, anunciou este luns a licitación das obras de mellora do primeiro tramo da estrada PO-234, desde Portasouto ata Augasantas, que comezarán no terceiro trimestre deste ano, previsiblemente despois do verán.
Así llo trasladou aos veciños nun acto de presentación desta obra neste concello pontevedrés, na que estivo acompañada polo presidente da xunta xestora de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.
Este luns o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a licitación das obras do primeiro tramo por importe de 662.000 euros. O prazo de execución dos traballos é de 8 meses, polo que estarán finalizadas en 2018.
Ethel Vázquez remarcou que o executivo autonómico ten "disposición total para traballar e axilizar" a segunda das actuacións de mellora na PO-234, ao seu paso por Ponte Caldelas, e contratará as actuacións este mesmo ano, unhas accións que tamén terán un prazo de execución de 8 meses e supoñerán un investimento de máis de 600.000 euros.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda lembrou que a mellora da PO-234 é unha actuación "esperada, moi demandada polos veciños" e que co obxectivo de poder levar a cabo as melloras cunha maior celeridade acordouse comezar as obras polo tramo que vai desde o cruzamento que une Portasouto con Augasantas, dado que o Concello de Cerdedo-Cotobade conseguiu os terreos necesarios para poder comezar as obras no prazo de tempo máis breve posible, acurtando o prazo que supón un proceso expropiatorio.
As obras licitadas este luns afectan o tramo máis próximo a Augasantas, nunha lonxitude de 2,7 quilómetros, que beneficia aos dous municipios, aínda que a maior parte transcorre polo de Cerdedo-Cotobade.
De maneira paralela, Ethel Vázquez sinalou que se segue traballando no tramo de dous quilómetros que vai desde o final da travesía de Ponte Caldelas ata a entrada da travesía de Laxoso. Neste caso, a conselleira informou que a Xunta debe tramitar un expediente expropiatorio, xa que o Concello non puido acceder aos terreos necesarios, pero comprometeuse a asumir o seu custo, polo que se formalizará un convenio e haberá que someter a información pública o proxecto, o que implica un maior tempo de tramitación.
Con todo, engadiu, "traballamos con intensidade, coa previsión de poder sacar a información pública o proxecto no mes de xuño e iniciar a contratación das obras neste ano 2017".
RELACIÓNS NORMALIZADAS
O Concello de Ponte Caldelas deu este luns o visto bo ao último borrador de convenio para a execución das obras no tramo de Laxoso na PO-234. Segundo informaron dende o concello, o texto foi devolto á Consellería de Infraestruturas con "mínimas correccións" para proceder á súa firma en canto o departamento autonómico inicie a licitación.
O goberno local de Ponte Caldelas dá por normalizadas as relacións institucionais coa Xunta unha vez que a Consellería aceptou a proposta deste concello para asumir ata un máximo de 40.000 euros o valor das expropiacións do tramo do seu municipio.
Dende o goberno local de Ponte Caldelas suliñaron que tomaron esta decisión "para poñer fin á liorta política e priorizar a seguridade viaria" convértendose así "no primeiro municipio español en cofinanciar as obras dunha estrada autonómica".
Relacionadas:
-
A Xunta inicia o proceso expropiatario da estrada PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso
Por Redacción |
-
18 empresas presentan ofertas para as obras da estrada PO-234
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local dá conta aos veciños do acordo da PO-234
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas achega 40.000 euros á Xunta para desbloquear as obras da estrada PO-234
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas mantén a súa oferta á Xunta de pagar as expropiacións da PO-234
Por Redacción |
-
Andrés Díaz reclama a Feijóo "normalizar" as relacións institucionais con Ponte Caldelas
Por Redacción |