Alfonso Gallego, elixido por aclamación como novo presidente do PP de Vilagarcía
Por Redacción
Alfonso Gallego é xa, para todos os efectos, novo presidente do Partido Popular de Vilagarcía de Arousa. Foi elixido por aclamación, ao ser o único candidato que se presentou ao congreso local celebrado no Salón García para substituír a Tomás Fole, o líder dos populares arousáns durante o últimos sete anos.
Durante a súa primeira intervención, Gallego debullou algunhas das liñas mestras que marcarán o seu proxecto político durante os próximos meses.
Explicou que os catro alicerces sobre os que se vai a asentar a súa presidencia serán a unidade do partido e os seus integrantes, a participación de todos os actores implicados, a confianza necesaria para que o proxecto triunfe e a proximidade, tanto cos membros do partido como coa cidadanía.
"Aspiro a presidir un Partido Popular renovado, sen lastres e cun obxectivo común: recuperar a confianza da maioría da cidadanía de Vilagarcía", sinalou o novo presidente do PP de Vilagarcía.
Destacou que o seu equipo, no que figuran Beatriz González Loroño como vicepresidenta e Jesús Pérez Arca como secretario, é "novo, renovado, comprometido e ilusionado por unha Vilagarcía mellor", algo que lograrán, segundo asegurou, "con humildade, honradez, respecto, educación e moito traballo".
Ao congreso acudiron, entre outros, os conselleiros Rosa Quintana e Román Rodríguez e o presidente provincial e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Este último asegurou que "chegas de fóra nun momento complicado a unha organización que te acolle cos brazos abertos e que confía en ti para poñer ao PP no lugar que lle corresponde".
O presidente do PP en Pontevedra quixo destacar a renovación do partido "cunha sabia combinación de xente que se incorpora nova, outros que xa estaban e levaban anos sen participar e outros que estaban traballando xa" e ofreceu ao novo presidente "toda a colaboración e todo o apoio" do partido a todos os niveis.