Hackean unha empresa do Salnés e chantaxéana coa información roubada
Por Alejandro Espiño
Unha empresa do Salnés foi vítima do que se podería denominar un secuestro dixital. Roubáronlle documentación almacenada nos seus servidores e, a continuación, pedíronlles diñeiro a cambio de recuperar toda esta información.
Segundo puido saber PontevedraViva, os responsables da compañía denunciaron ante a Garda Civil este ataque informático a principios do presente mes de maio.
En concreto, durante o hackeo, os piratas encriptaron documentos e as bases de datos cos seguidores e clientes da empresa.
A cambio de que os empresarios obtivesen as claves que permitisen desencriptar os arquivos aos que accederon, esixíuselles o pago duns 9.000 euros en bitcoins, unha moeda virtual coa que se realizan pagos a través de Internet que, posteriormente, pode ser trocada por diñeiro real.
Os donos da empresa non accederon ao pago e contrataron a varias compañías especializadas que, co tempo, lograron recuperar gran parte dos datos secuestrados.
Este ataque causou un prexuízo económico, segundo recolle a denuncia, duns 60.000 euros. A ese diñeiro hai que sumar ademais o custo de contratar a estas empresas.
O grupo de delitos telemáticos da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil segue investigando o caso para dar cos autores deste hackeo.