O xulgado valida o convenio urbanístico do Revel
Por Redacción
Vitoria para o Concello de Sanxenxo nos xulgados. O contencioso administrativo número 3 de Pontevedra avalou os pasos dados polo goberno municipal en relación co convenio urbanístico do Revel, subscrito en abril de 2007.
Aínda que esta sentenza non é firme e contra ela cabe recurso ante o TSXG, a xuíza determina a validez deste convenio urbanístico do PEI 12, desmontando os argumentos achegados polo recorrente, Rafael Velón de Francisco, que pedía o abono de determinada cantidade ingresada no seu día a favor do Concello en virtude deste acordo.
O convenio urbanístico recollía unha monetarización de 306.741 euros e a cesión ao Concello de dúas leiras, Ameal e Barreiros, non abonadas polo goberno local no proxecto de expropiación inicialmente aprobado polo PP ao considerar que xa eran municipais.
Foi a decisión do goberno local de validar o mencionado convenio o que derivou na interposición do recurso contencioso-administrativo por parte do propietario das leiras Ameal e Barreiro no que denunciou a súa "ineficacia" ou "falta de perfeccionamento".
Entre os "defectos formais" denunciados por Velón de Francisco destaca a ausencia de "firma dunha propietaria cuxa representación non quedaría acreditada a favor de ningún dos asinantes". Pero a sentenza recolle que o denunciante si concorreu "pois non hai dúbida de que co seu ingreso da cantidade de referencia deu por bo, por correctamente asinado e constituído, ese convenio".
Fai referencia tamén a que o mencionado convenio foi obxecto no seu día da oportuna exposición pública, sen que durante dito trámite presentárase alegación algunha.
Ademais, a sentenza cita tamén a un "cumprimento tardío" por parte da administración local do comprometido nese convenio urbanístico, xa que non outorgou a escritura notarial para a entrega formal dos inmobles ata o mes de maio de 2016, a pesar do cal "en ningún momento pola Xunta de Compensación formulouse unha solicitude de resolución de contrato con devolución de cantidades e aplicación dos intereses correspondentes, a excepción do demandante".
O goberno local recibiu con satisfacción esta sentenza, que apoia a decisión política tomada a inicios desta lexislatura de validar o convenio, freando así os pasos dados polo PP neste expediente.
O goberno do Partido Popular consideraba que este informe non era válido e achegou ao expediente un informe xurídico que avalou esta postura, polo que incluíron as leiras Ameal e Barreiro no proxecto de expropiación dos terreos para o futuro colexio do Revel, valorándoas en 106.000 euros.
Esta decisión, lembran desde o Concello, obrigaría tamén a devolver os 306.741 euros de monetarización do convenio e outros 22.000 euros do valor dunha leira cedida.