Expertos internacionais xuntaranse na Facultade da Compostaxe da Deputación
Por Redacción
O ideólogo e fundador do chamado 'modelo austríaco', Florian Amlinger, e o técnico director de compostaxe de todo o norte de Italia, Michele Giavini, participarán esta semana na Facultade da Compostaxe da Deputación. Son dous dos expertos internacionais de renome neste ámbito que visitarán Pontevedra.
Ambos impartirán leccións maxistrais aos 20 aspirantes a mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación, na que se pode considerar como a semana de maior nivel docente de todo o curso de formación.
Florian Amlinger é un enxeñeiro austríaco que ten publicado numerosos artigos científicos. Xunto con outros colegas considérase o pai e ideólogo do modelo austríaco de compostaxe, no que se inspira o Plan Revitaliza, que aposta polo tratamento in situ dos residuos orgánicos a través de composteiros individuais e centros de compostaxe comunitarios.
O elemento distintivo do modelo austríaco, no que a Deputación tamén quere traballar, é o feito de que no país austríaco rexéitase a creación de infraestruturas de nova creación para tratar aqueles residuos que non poden ser compostados nin en centros individuais nin en centros colectivos.
A solución aportada para dar saída ao lixo orgánico de grandes núcleos poboacionais pasa por chegar a acordos con empresas do sector agropecuario.
Aproveitando a existencia desas empresas e das súas plantas de tratamento específicas, os gobernos locais derivan a elas os residuos orgánicos municipais a cambio dun canon ou doutro tipo de acordo económico. Afórrase así a necesidade de crear novas plantas de tratamento específicas para o lixo municipal, a tramitación administrativa que supón, así como o posible rexeitamento veciñal por novas instalacións vencelladas co lixo.
Por outra banda, o italiano Michele Giavini é o técnico responsable da dirección do plan de compostaxe de todo o norte de Italia, sendo a cidade de Milán o núcleo con maior densidade de habitantes que se rexe polo tratamento dos residuos orgánicos de forma individualizada.
Así mesmo, tamén estarán en Pontevedra esta semana -na que se celebra o Día Mundial da Reciclaxe o 17 de maio- o director da Axencia de Residuos de Cataluña e enxeñeiro agrónomo Francesc Giró; o técnico fundador da axencia de estudos ambientais e residuos 'Spora' Frederic Puig e o técnico de residuos do Concello de Usurbil, Ibon Goikoetxea, cuxo municipio ten os mellores datos de reciclaxe de todo o estado español e practicamente de Europa.
Relacionadas:
-
Expertos internacionais de renome imparten leccións maxistrais na Facultade de Compostaxe
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A segunda promoción de mestres composteiros inicia a súa formación
Por Redacción |
-
Arranca un novo curso da "Facultade da Compostaxe"
Por Oskar Viéitez |
-
Os mestres composteiros anuncian: "é hora de traballar e remexer"
Por Redacción |