A por 173 anos máis!
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Comandancia da Garda Civil de Pontevedra púxose de longo este venres para conmemorar os 173 anos da fundación da institución a nivel nacional. Arroupados por autoridades civís e militares de toda a provincia, celebraron o seu aniversario cun acto que, ao mesmo tempo, serviu para condecorar a 17 axentes, entre eles o comandante naval do Miño (Tui), Enrique García; e recoñecer a dous gardas xa retirados.
O acto, que se celebra anualmente no acuartelamento de Pontevedra, serve para que a Garda Civil renove o compromiso de servizo á sociedade, referende a vixencia dos valores e principios sobre os que se asenta a institución e recoñeza e agradeza a aqueles membros do corpo que prestaron servizo aos cidadáns desde a súa creación en 1844.
Este ano, resultou especialmente conmoveder o recoñecemento realizado a José López Somoza, axente retirado da Comandancia de Pontevedra que na actualidade ten 94 anos e seguiu os actos sentado nunha cadeira e acompañado pola súa filla. En homenaxe entregáronlle un tricornio de prata.
O coronel xefe da Comandancia e anfitrión no acto, Miguel Estévez, resaltou a condición da Garda Civil como a institución mellor valorada polos españois, segundo recolle o barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). Ademais de agradecer a confianza dos cidadáns, lembrou a todos os membros do corpo que o fixeron posible, en especial aos falecidos.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, que presidiu o acto, destacou que a Garda Civil é un colectivo "excepcionalmente preparado", que desenvolve "un labor extraordinario e permanente" de capacitación e posta a punto dos seus medios humanos e materiais. Ademais, destacou que os seus membros achegan "o toque de humanidade tan necesario hoxe na nosa sociedade".
"Sabemos que alí onde nos pase algo, a Garda Civil non só nos auxiliará senón que nos escoitará", destacou, á vez que incidiu, do mesmo xeito que o coronel, en que é "a institución máis querida e respectada polos españois, xunto coa Policía Nacional".
A colaboración entre a Garda Civil e a GNR portuguesa estivo moi presente no acto, en especial a través da condecoracióin ao capitán de corveta Enrique García González. Ademais, recibiron condecoración o alférez Eloy Torres de Vilagarcía, o sarxento primeiro David Raimundo González de Baiona-Nigrán, o sarxento Isaac Iglesias do COS da Comandancia, o sarxento Joaquín Freiría de Tui, o cabo primeiro Carlos Guillermo Bregua de Vilagarcía, o cabo primeiro Omar Cambeiro de Vigo, o cabo primeiro Carlos Losada da Cañiza, o garda Domingo Colmenero de Marín, o garda Victor Benigno Dorado de Tomiño, o garda Ángel Luís Ferreira de Moaña, o garda José Andrés González de Baiona-Nigrán, o garda José Manuel Gutiérrez de Vilagarcía, o garda Julio Ledo de Vigo, a garda Laura Miras de Cruces, o garda Antonio Vázquez de Vigo e o garda Juan Luís Vieira de Cambados.
"Sodes un exemplo para o corpo e para o resto de españois. Grazas a vós, a sociedade é cada día un pouquiño mellor", agradeceu a subdelegada a todos eles.