Desmantelan dous laboratorios de cocaína e marihuana e interveñen 210.000 euros no Salnés
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha operación conxunta da EDOA (Equipo de Delincuencia Organizada e Antidrogas) da Garda Civil e a Udyco (Unidade de Drogas e Crime Organizado) da Policía Nacional permitiu desmantelar dous laboratorios de cocaína e marihuana na comarca do Salnés, deter a seis integrantes dun grupo dedicado ao tráfico de drogas a mediana escala e intervir ao redor de 210.000 euros supostamente derivados do narcotráfico.
O operativo incluíu seis rexistros, cinco na comarca do Salnés e un na cidade de Pontevedra e terminou coa detención de dúas persoas en Cambados, dúas en Vilagarcía de Arousa e dúas en Vilanova de Arousa, algúns deles con antecedentes policiais por delitos de tráfico de drogas.
Un dos datos máis destacados desta operación é, ademais da coordinación entre corpos policiais, a importante cantidade de diñeiro intervida. Foi localizada polas Forzas de Seguridade durante un rexistro nunha vivenda de Cambados, en concreto, no trasteiro. Ademais, apareceron noutras vivendas pequenas cantidades.
Os máximos responsables da Policía Nacional e a Garda Civil na provincia, o comisario Manuel Bouzas e o coronel Miguel Estévez, deron conta este venres do resultado da operación, que leva fraguando desde finais de 2016 e tivo o seu punto álxido este xoves coas seis detencións e rexistros.
Acompañados pola subdelegada do Goberno en Ponteveda, Ana Ortiz, indicaron que o operativo tamén permitiu a intervención de dous coches, dúas motos, armas, un quilo e medio de cocaína, 10 quilos de sustancia de corte e ao redor de cinco quilos de marihuana.
Esta é a segunda operación conxunta da Garda Civil e a Policía Nacional en Pontevedra nunha semana, tras a anterior desenvolvida no Porto de Marín coa incautación de 62 quilos de cocaína a un polisón nun barco con froita chegado de Colombia. Tanto o comisario como o coronel destacaron a importancia desa coordinación entre corpos policiais.
Neste caso, o operativo é resultado de meses de traballo e está coordinado pola Fiscalía Antidroga e o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa, que este venres tomou declaración aos seis detidos e decretou o ingreso en prisión comunicada e sen fianza dun deles e a posta en liberdade de catro, aínda que coa obrigación de comparecer cada 15 días no xulgado.
O coronel Estévez destacou que os seis detidos distribuían fundamentalmente na zona do Salnés,"una de las zonas más conflictivas, más calientes" e, aínda que uns desempeñaban un papel máis importante na organización, "todos están metidos no tráfico de drogas a unha escala media".
O comisario Bouzas incidiu en que "la Guardia Civil, la Policía, el DAVA -Vixilancia Aduaneira-, algo debemos estar haciendo bien cuando cada vez es más difícil blanquear el dinero" e localízanse nunha casa 210.000 euros presuntamente resultado dunha operación que "no dio tiempo a sacar".