Dúas espectaculares saídas de vía sáldanse sen feridos
Por Redacción
Ás 04.00 horas producíase unha saída de vía á altura da entrada da autoestrada na estrada entre Pontevedra e Vigo no municipio de Vilaboa. Segundo a información facilitada polo Servizo de Emerxencias do 112, un particular alertaba deste accidente que se producía na Nacional 550.
Desde o 112 trasladábase o aviso á Garda Civil de Tráfico e ao servizo de atención de estrada. O accidente saldábase sen feridos a pesar do mal estado en que quedaba a parte posterior do vehículo. O turismo remataba nunha leira lindeira coa estrada, quedando retenido na lameira.
ACCIDENTE EN VILARIÑO
Tamén se rexistraba outra saída de vía ao redor das 09.30 horas deste venres 12 na rotonda de Vilariño, en Cambados. Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, un vehículo envorcaba lateralmente precipitándose por un desnivel dunha altura de dous metros. Un particular alertaba da presenza dunha persoa no interior do turismo, que finalmente puido saír do auto polo seu propio pé. A condutora non sofreu feridas de consideración, segundo os Servizos de Emerxencias, pero foi trasladada ao Hospital do Salnés para a súa observación.
Foron alertados os servizos de Urxencias Médicas, da Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Cambados e os bombeiros do Parque de Ribadumia. Foi necesaria a intervención dun guindastre para a retirada do vehículo.