Os termómetros subirán ata os 30 graos durante a vindeira semana
Por Redacción
Durante este venres 12, as Rías Baixas continuarán baixo a influencia das baixas presións localizadas ao noroeste de Irlanda. Segundo as previsións do Servizo de Meteogalicia, os ceos manteranse parcialmente nubrados con chuvascos intermitentes de carácter xeneralizado, que serán menos frecuentes e intensos ao longo da tarde. As temperaturas manteranse entre os 13 e os 19 graos. Os ventos soprarán moderados do suroeste.
O sábado, Galicia permanecerá na influencia das baixas presións situadas no Atlántico, que enviarán unha fronte fría durante a xornada. Os ceos permanecerán parcialmente cubertos, con choivas que comezarán a caer durante a mañá no litoral oeste estendéndose por toda a comunidade. As temperaturas mínimas descenderán lixeiramente. O vento soprará moderado de componete sur pola mañá, variando a moderado do suroeste pola tarde.
Xa o domingo, as Rías Baixas experimentarán unha influencia anticiclónica. Espérase unha xornada de ceo parcialmente nubrado na primeira metade do día, con máis claros pola tarde. As temperaturas máximas progresarán cara a un lixeiro e moderado ascenso. Os ventos soprarán frouxos do suroeste.
A partir do luns, as previsións indican que chegará un anticiclón á provincia de Pontevedra e a toda Galicia, grazas á influencias das altas presións con entrada de aire cálido desde o sur da península. Agárdase unha probabilidade moi baixa de precipitacións e temperaturas altas para esta época do ano. O martes e o mércores espérase alcanzar os 30 graos de temperatura.