Os alumnos da Florida piden a Pita un skatepark
Por Oskar Viéitez
Os alumnos de cuarto de Educación Primaria do colexio A Florida visitaron as instalacións do Concello de Sanxenxo nunha actividade pedagóxica que lles serviu para coñecer o funcionamento dunha administración local.
Os escolares foron recibidos no polo alcalde, Gonzalo Pita, e a concelleira de Educación, Sandra Fernández Agraso, que tras ofrecerlles unhas nocións básicas sobre a composición da corporación abriron unha quenda de preguntas e suxestións.
Os alumnos, entre os que se atopaba a filla menor do rexedor, expuxeron a Gonzalo Pita cuestións relacionadas coa nomenclatura dalgunha praia, sobre a web municipal, sobre actuacións concretas no seu centro escolar e mesmo lle preguntaron pola responsabilidade do seu cargo.
Entre as peticións máis destacadas estivo a dun parque de skate, que os alumnos da Florida queren que se instale na Praza do Mar. Gonzalo Pita explicoulles os inconvenientes que esta localización pode supoñer para un espazo desas características, pero recoñeceu que se trata dunha petición reiterada por alumnos doutros centros que xa visitaron o Concello, polo que asumiu que "haberá que estudalo".
PARQUE INFANTIL DA PONTE, EN VILALONGA
Pola súa banda, O Concello de Sanxenxo acaba de renovar un dos parques infantís de Vilalonga, dotándoo de novos elementos de xogo. Trátase concretamente do situado na rúa para Ponte, en Xuncablanca, e que completa a actuación realizada neste espazo público no verán, cando o departamento de Medio Ambiente instalou nesta zona un parque biosaudable para maiores.