Ten 21 anos e a cabeza mellor amoblada que unha revista de Ikea. A pesar desa envexable mocidade mostra unha perspectiva vital que xa quixesen algúns manuais de autoaxuda. Javier Lago López, naceu en Vigo, trouxérono a Pontevedra, pasou dous anos da súa infancia na Coruña e de novo a familia trasladouse a esta capital. Circunstancias da profesión xornalística - a do pai, Pablo Lago, director de RNE en Pontevedra, para máis datos-.
Entre o seu anecdotario, lembra Javier; ou lle lembran, que non celebraron o seu primeiro aniversario porque estaban de mudanza. Que a súa irmá Andrea exercía con el de profesora, ata tal punto e boa man, que cando chegou ao colexio e tocou aprender a ler e escribir, Javier xa tiña a lección aprendida. Que aínda que non é moito de fútbol, ten "o corazón partío" - como diria Alejandro Sanz - entre o Depor e o Celta.
Algo perfectamente comprensible se se ten en conta que a súa xenética é mestura de Vigo e Ortigueira. E que xunto á súa nai, Juani, foron facer garda ante o Parador de Pontevedra para conseguir un autógrafo de Serrat.
Con oito aniños comezou a estudar no Conservatorio Profesional Manuel Quiroga. A día de hoxe toca o violín, o piano, a guitarra e o ukelele. Ah! e no último curso do instituto fíxose realidade Australia, o grupo musical do que é voz e compositor.
En 2015 sacaron o EP "Parade" e avanza que este 2017 pode ser o momento do segundo. Outra das súas paixóns, se non obsesións, é o cinema. A parte práctica lévaa desenvolvendo coa familia e amigos, a teórica na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Pide un voto de confianza para a súa xeración nunha alegación de defectos e virtudes. Confianza? declárome "javierista".