100 euros de multa para García Pedrosa, de CC.OO., por incumprir normas viarias na marcha do Parque de Maquinaria
Por Redacción
José Luis García Pedrosa, secretario de organización de Comisións Obreiras, terá que pagar unha multa de 100 euros por incumprir normas que poderían afectar gravemente á seguridade viaria ou á dos participantes na manifestación dos traballadores do Parque de Maquinaria, que o sindicato convocaba a mediados de xuño de 2016 desde Pontevedra ata Vigo.
O entón secretario comarcal do sindicato entende que esta sanción se realiza por criterios arbitrarios dos axentes da Garda Civil que o multaron. Segundo afirma no escrito de alzada que presentou ao ministro do Interior Juan Ignacio Zoido, os axentes realizaron unha interpretación restritiva do dereito de manifestación aplicando a "Lei Mordaza".
García Pedrosa alega que os axentes non tiveron preocupación algunha pola seguridade dos participantes naquela marcha de protesta. Sinala que se mantiveron en todo momento comodamente instalados no seu vehículo e só se dirixiron aos manifestantes para dicirlles que tiñan que circular obrigatoriamente pola beirarrúa na zona de Paredes-Vilaboa. O sindicalista sinala que na autorización para a protesta da Subdelegación do Goberno non se realizaba ningunha indicación nese sentido.
Engade no escrito a Zoido que desde as 15.30 ata as 18 horas, durante o tempo en que a manifestación percorría o tramo entre Redondela e Vigo, ningún axente das forzas e corpos de seguridade do Estado lles acompañou. Desta forma pregúntase se a seguridade viaria ou dos participantes na marcha é unha obriga da administración durante a xornada de mañá e desaparece durante as tardes.
García Pedrosa pregúntalle ao ministro se ratificará a sanción cando se trata dunha actuación "tan arbitraria e tan indecente" por parte da Garda Civil a quen acusa de intervir con "exceso de celo" aplicando a "Lei Mordaza" contra o dereito constitucional de manifestación.