Ponte Caldelas acollerá unha feira con propostas de vida alternativa
Por Oskar Viéitez
A Alameda de Ponte Caldelas convertirase este próximo mércores, día 17, festividade das Letras Galegas, nun espazo de lecer, cultura e estilo de vida alternativo. Propostas baseadas no valor do local, no achegamento á natureza e a recuperación dos obxectos de segunda man.
Chega así a segunda edición de Naturfeira, a medio camiño entre unha feira, un obradoiro e unha xornada de diversión, todo baixo a batuta da asociación Calacux.
O alcalde, Andrés Díaz, recibiu a Kira Maschanka e "Cali" Carabelos, responsables desta asociación, coas que pechou todos os detalles do evento que no caso de choiva trasladarase ao pavillón municipal de Chan da Barcia. Aínda que o programa definitivo das actividades aínda non está determinado, si quedou clara a data e o esquema que servirá para sacar adiante esta segunda edición.
O evento chega avalado polo éxito do ano pasado e concitará a presenza de 25 expositores-artesáns, seleccionados en base a un criterio de proximidade a Ponte Caldelas.
Nos seus postos haberá oportunidade de aprender sobre plantas medicinais, cosméticos, papiroflexia, comida e bebidas sas, pintura e un sen fin de actividades. Haberá un concurso de avións de papel e elaborarase unha espiral con frases de Carlos Casares para celebrar as Letras Galegas.
Contarán tamén cun mercadiño de produtos de segunda man enfocado especialmente a xoguetes, roupa e libros.
A programación de lecer terá como unha das súas principais actividades unha andaina polo sendeiro azul do río Verdugo que contará coa música en directo do acordeonista Anxo Moure, e, moi probablemente, coa guitarra de Iván Gulín.