A rotonda de acceso ao polígono de Sequeiros estará rematada no verán
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e membros da Plataforma da PO 531 supervisou este mércores os traballos de construción da rotonda de acceso ao polígono de Sequeiros, que estará rematada no verán.
Vázquez Mourelle salientou que é unha actuación demandada polos veciños e que é importante para este municipio, xa que aumenta a seguridade nesta zona industrial que rexistra un tráfico duns 18.000 vehículos ao día, no inverno, pois a cifra aumenta considerablemente no verán.
O proxecto tamén contempla a rehabilitación do firme nos accesos ao polígono e ao núcleo de Sequeiros, a construción de beirarrúas e paradas de autobús e dous ramais para conectar o polígono e San Amaro.
A conselleira indicou que a Xunta tamén construirá unha rotonda na Devesa, na saída cara a Curro, para o que se está a traballar no proxecto, que se prevé ter redactado e supervisado no verán.
Os voceiros da plataforma da PO 531, Manuel Corredoira e Sabino Cancela, celebraron a construción desta rotonda pero insistiron en que este vial precisa dun proxecto de reforma integral para dotalo de seguridade, especialmente para os peóns, unha demanda que calificaron coma "histórica".
Pola súa banda, o alcalde engadiu que o concello de Barro vai actuar en algúns viais mellorando a entrada no polígonopara que a actuación quede ben rematada.
A conselleira adiantoulles que no verán comezarán os traballos de reforzo de firme nesta mesma estrada, cun investimento de 630.000 euros. Engade que de cara a protexer e incrementar a seguridade dos peóns e ciclistas, está prevista a construción de tres sendas na PO-531, cun orzamento de arredor 850.000 euros, unha destas entre Bretoña e o polígono de Sequeiros.
Relacionadas:
-
O consumo enerxético do alumeado do polígono de Sequeiros será un 75% máis barato
Por Redacción |
-
A mellora da PO-531 comeza no acceso ao polígono de Sequeiros
Por Redacción |
-
A Xunta quere reducir a velocidade de circulación no acceso ao polígono de Sequeiros
Por Redacción |
-
A Xunta investirá tres millóns de euros en 16 novas sendas na comarca de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |