Alumnos e profesores dos últimos 25 anos conmemoran o aniversario do colexio de Marcón
Por Natalia Puga
Alumnos, familias e profesores actuais e dos últimos 25 anos están convidados o próximo 17 de maio á celebración das 'vodas de prata' do colexio público de Marcón. O aniversario conmemorarase cunha xornada de convivencia de toda a comunidade educativa que pasou por este centro da parroquia pontevedresa na que non faltarán comida, música, xogos e recordos.
Os actos está a organizalos toda a comunidade educativa coa colaboración do Concello de Pontevedra para lembrar aquel día 25 anos atrás en que alumnos e profesores abandonaron o antigo grupo escolar situado á beira do campo da o festa para inaugurar unhas modernas instalacións á beira do campo de fútbol do Carrasco.
Desde entón, o centro non parou de crecer e quen acuda á celebración o día 17 de maio poderá facer un percorrido polas instalacións para comprobar a evolución.
A festa comezará ás 12.30 horas coa apertura do colexio e a actuación dun grupo de gaitas, incluirá ás 13.00 horas un discurso inaugural e a partir das 14.15 horas servirase unha comunida popular.
Todas as persoas interesadas en participar na comida deberán inscribirse antes do 14 de maio chamando ou enviando un whatsapp ao teléfono da asociación de pais, 650312208. Poderán facelo todas as persoas que o desexen que sintan algún vínculo co colexio de Marcón.
O menú incluirá polbo (7 euros), churrasco (7), criollos (3) e bebidas (1) e, ao terminar, a partir das 16.30 horas, os asistentes poderán visitar a exposición de fotos realizada polo centro cun percorrido histórico polo mesmo. Entre as 17.30 e as 19.00 horas, os nenos tamén poderán gozar de xogos populares.