A Escola Infantil de verán de Vilagarcía abre o prazo de admisión
Por Redacción
A área de servizos sociais da concellería de Benestar de Vilagarcía pon en marcha a Escola Infantil de Verán. Trátase dunha proposta para que as familias poidan acceder ao servizo municipal de gardería aproveitando as vacantes de alumnado xa matriculado que non vai acudir ao centro en xullo e en agosto.
A medida busca a conciliación das familias e, ao mesmo tempo, sacar o máximo rendemento a este servizo durante o verán.
O prazo de solicitude xa está aberto e poden reservar praza aqueles menores nados nos anos 2014, 2015 e 2016. Tamén poderán ter accesos os nados en 2017 que teñan 3 mesess cumpridos e praza no curso 2017-18, cando estea xustificado pola situación laboral dos pais.
As familias que queiran matricular aos seus fillos durante o verán deberán formalizar a súa solicitude ata o 19 de maio. Terán que recoller os formularios na propia escola infantil situada na Lomba, ou imprimilos directamente desde o taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.es. Terán que presentarse debidamente cubertos no Rexistro do Concello con toda a documentación. A admisión realizarase por orde de inscrición.
Coa solicitude da praza hai que achegar unha fotocopia do libro de familia, fotocopia dos DNI da nai e do pai ou dos representantes legais e o xustificante do IRPF do ano 2015 dos pais.