O PP amosa o seu malestar polas "irregularidades" na facturación do Concello de Poio
Por Redacción
A corporación municipal de Poio aprobaba cos votos do goberno bipartito levantar o reparo do servizo de intervención sobre unha cantidade que ascende a case 640.000 euros para pagar facturas sen asignación orzamentaria. A maioría destes pagos corresponde ao exercicio 2016, segundo manifesta o Partido Popular, que se abstivo na sesión xustificando esta decisión en evitar un prexuízo aos provedores e poidan cobrar o que se lles debe.
Pero os populares amosan o seu malestar ante as contas do Concello, segundo manifesta o seu portavoz Ángel Moldes que critica duramente a falta de respecto aos procedementos e á lei por parte do goberno que lidera Luciano Sobral.
Moldes sinala que os propios técnicos a través do informe de intervención ofrecen graves irregularidades nos epígrafes de subministracións, obras, servizos e subvencións indirectas. A interventora indica que se incumpren as normas de contratación e "por enésima vez" manifesta a necesidade de regular a carencia de procedementos de contratación administrativa, explicando que as facturas inclúen documentos de moitos provedores que fornecen con regularidade todo tipo de materiais "sen que conste ningún vínculo contractual co concello de Poio", algo que o PP considera unha irregularidade manifesta.
A interventora enumera varias facturas de sete empresas "que mercen destacarse polo importe e contido", todas elas ascenden a máis de 18.000 euros e tres teñen un valor superior a 50.000 euros sen autorización do gasto nin seguindo os procedementos legais necesarios, apuntan os populares.
Ademais doutras irregularidades, o informe de intervención sinala que en caso de pagar estas facturas con partidas correspondentes a 2017, haberá unha posible insuficiencia de crédito e outros incumprimentos en leste mesmo exercicio. A interventora lembra as consecuencias ás que pode enfrontarse o Concello e os concelleiros ao votar favorablemente por un acordo que vulnere a lei.
Moldes lamenta que a pesar de que "os técnicos municipais digan que así non se poden facer as cousas", continúen cometendo irregularidades en todo o procedemento.