Piden a dimisión do ex alcalde de Portas tras unha nova sentenza que custará 47.000 euros ao Concello
Por Redacción
O BNG esixe a dimisión do ex alcalde de Portas, Roberto Vázquez, hoxe edil co partido independente Veciños Unidos de Portas, polas consecuencias que está a ter no Concello a súa xestión cando ocupaba o sillón da Alcaldía. Piden a súa retirada da vida política e, de paso, transparencia do goberno municipal do PP, partido ao que pertencía antes Vázquez.
Os nacionalistas pídenlle explicacións ao goberno local polas decisións tomadas en relación cunha recente sentenza que condena ao Concello a pagar 47.000 euros máis a unha ex traballadora en concepto de indemnización porque a contrataran no seu día como persoal laboral fixo seguindo o convenio colectivo da construción e non o que lle correspondía.
Esta traballadora foi agredida por un veciño no exterior do Concello no ano 2012 e tivo lesións que lle provocaron a incapacidade permanente absoluta. O caso foi considerado un accidente laboral e o convenio da construción que se lle aplicaba a ela establece que lle corresponde o dereito a percibir eses 47.000 euros no suposto de incapacidade permanente absoluta por sinistro de traballo.
O Concello presentara recurso contra a resolución, que supoñía unha sanción de 183.693,50 euros e pago de costas, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena. Agora, o BNG critica que o Concello desamparou á traballadora con terribles consecuencias, pois "se o convenio colectivo de referencia do contrato asinado entre ambas partes fose o de oficinas e despachos e non o da construción, como parece máis lóxico, os efectos económicos para as arcas municipais serían moi inferiores".
Desde o BNG critican, ademais, que ningún responsable do goberno municipal ten asumido algún tipo de responsabilidade, nin no momento da agresión nin actualmente, e que, nun "intento por ocultar as consecuencias das neglixencias do seu ex compañeiro de partido", o goberno municipal do PP non informou á oposición da existencia desta sentenza xudicial.