O porto de Marín busca afianzar relacións con Costa Rica
Por Redacción
As importacións de froita permiten que o porto de Marín manteña estreitos lazos comerciais con Costa Rica. Pero a autoridade portuaria pretende afianzar aínda máis estas relacións. Por iso é polo que o seu presidente, José Benito Suárez Costa, reuniuse en Madrid con Luís Guillermo Solís, presidente do país centroamericano.
O encontro tivo lugar o marco da visita oficial que o máximo mandatario de Costa Rica está a realizar a España.
Suárez Costa participou nun xantar empresarial coa Oficina de Promoción Comercial de Costa Rica e co Consello Empresarial Alianza por Iberoamerica (CEAPI).
Alí, aproveitou a ocasión para intercambiar co presidente costarriqueño detalles sobre a operativa do tráfico de froita que realiza semanalmente o porto de Marín na terminal Davila Reefer Terminal (DART) a través da navieira Hamburg Süd.
Marín é o centro loxístico por excelencia no Arco Atlántico en importacións de froita. O porto realiza todos os labores de recepción, almacenamento e distribución desta mercadoría con destino a toda a península.
O obxectivo do encontro entre o presidente da Autoridade Portuaria e o máximo dirixente do goberno de Costa Rica foi o de afianzar ese importante intercambio comercial e poñer os servizos e infraestruturas do porto de Marín a disposición de novos potenciais clientes en Centroamérica.
Xa hai un ano a embaixadora de Costa Rica en España, Doris Osterlof, realizou unha visita ao porto de Marín para coñecer de primeira man a operativa da terminal de froita, un dos tráficos que contan con certificación de calidade en Marín.