Para cafés, os que se van preparar en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Un bo café non é só obra dun bo produto. A auga é fundamental, así como o equipamento co que se prepara e a destreza de quen o serve. Poderemos comprobalo en Pontevedra. O Recinto Feiral reunirá, do 11 ao 14 de maio, medio centenar dos mellores baristas -profesionais especializados en café de alta calidade- que hai en España.
Será no marco da cuarta edición do Festival de Cafés Especiais SCA España, onde se desenvolverán os campionatos estatais de café, unha competición que seleccionará ao representante español no Mundial que se celebrará en Budapest (Hungría) en xuño.
Na cita de Pontevedra, un total de 48 profesionais cafeteros demostrarán a súa técnica, o seu traballo, a súa disciplina e a súa paixón polo café en cinco modalidades.
O campionato de baristas céntrase en promocionar a excelencia do café, promovendo esta profesión. A proba de latte-art, a arte de debuxar con leite sobre o café, busca destacar a expresión artística; mentres que o campionato de brewers pon de relevo a artesanía do café filtrado feito a man.
Ademais, o campionato de good spirits promove receitas innovadoras que mostren café, licores e ingredientes únicos; e o campionato de cata premiará ao catador profesional que demostre velocidade, habilidade e precisión en distinguir os sabores.
AMPLA PROGRAMACIÓN
Xunto con estes campionatos profesionais, a organización deste Festival de Cafés Especiais ofrecerá unha ampla programación aberta ao público, coa intención de que os amantes do café ou os profesionais da hostalería local poidan gozar deste mundo, mostrando o ciclo deste produto desde a súa orixe ata a cunca.
Así, haberá películas, conferencias, talleres e catas, entre outras actividades. A entrada será gratuíta e o festival estará aberto de forma ininterrompida entre as dez da mañá e as oito da tarde, a partir deste xoves 11 de maio.
Diferentes profesionais de campos relacionados co sector expoñerán as súas ideas a través das conferencias programadas. Ademais, unha gran variedade de expositores darán a coñecer os seus servizos e produtos. Empresas de café, importadores, tostadores ou baristas, entre outros, terán o seu espazo para mostrar as novas tendencias do mercado.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que este festival servirá para achegar a Pontevedra a excelencia no consumo e a fabricación de café, "que é moi importante querer ser unha cidade con todos os atractivos posibles".
Fernández Lores sinalou que será un "bo momento" para achegarse a Pontevedra e ver como traballa a xente que fai o mellor café do Estado, coñecer as empresas que o producen e distribúeno e, sobre todo, "disfrutar dos sabores diferentes que van ofrecer".
E antes de concluír, o coruñés Miguel Lamora explícanos como se debe preparar un bo café. Os seus consellos non teñen prezo. Leva máis de doce anos neste mundo e, entre outros logros, foi dúas veces campión de España e terceiro do mundo na modalidade de café latte. Tan só temos que darlle ao play e escoitar.