Pontevedra logra 53 bandeiras azuis para as súas praias con Sanxenxo á cabeza, con once
Por Alejandro Espiño
Sanxenxo é, un ano máis, o municipio galego que logrou un maior número de bandeiras azuis para as súas praias, segundo desvelou este martes a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), organismo encargado da xestión destes distintivos.
En total, logrou once bandeiras para as praias de Silgar, Baltar, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Areas Gordas-A Lapa e O Espiñeiro-A Lanzada.
Bueu logrou manter as catro bandeiras para Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán, mentres que Marín tamén conserva as catro de Aguete, Mogor, Portocelo e O Santo-Coviña.
No caso de Bueu, o goberno municipal destacou que "conseguimos todas as candidaturas que pretendemos" e celebraron recuperar as catro bandeiras azuis nas praias, "situación que se logra co bo traballo e co mantemento dos servizos no pasado verán". En Marín destacan que os catro arenais contan cunha auga "excelente" e a mellora "constante" dos servizos fainas "merecedoras" deste recoñecemento.
Pola súa banda, as praias de Preguntoiro e Campanario son as dúas bandeiras azuis que logra Vilagarcía de Arousa, as mesmas que A Illa de Arousa cos areais de Area de Secada e O Bao e Poio, que logra o recoñecemento para Xiorto e Cabeceira.
Ademais, a praia da Calzada volverá contar coa bandeira azul, convertendo a este areal de Ponte Caldelas na única praia fluvial de Galicia en ser recoñecida pola súa calidade.
O seu alcalde, Andrés Díaz, subliñou que a conservación de este distintivo, que Ponte Caldelas ostenta dende 2014 é un mérito de todos, "porque se mérito tivo a consecución, tamén o ten mantelo, engadindo ademais novos atractivos tan valiosos como o sendeiro azul, inaugurado o ano pasado e que é xa unha referencia en toda Galicia".
A prioridade do goberno local, explicou, será ter todo o espazo perfectamente acondicionado para o comezo da temporada de baño, incluíndo a contratación dos socorristas encargados de garantir a seguridade dos bañistas.
Todas elas cumpren os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis e que están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a adecuada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.
En total, a provincia de Pontevedra acumulou 53 bandeiras azuis. Vigo e Cangas, con nove e sete distintivos respectivamente son dous dos municipios con máis galardóns. Galicia logrou 113, dez menos que o ano anterior.
Este descenso é, en gran parte, pola decisión do Grove de non presentar a candidatura das súas praias para estes galardóns. O ano pasado, o municipio meco xa renunciou ás súas cinco bandeiras ao non aceptar un distintivo conxunto con Sanxenxo para a praia da Lanzada.
PORTOS E SENDEIROS AZUIS
Ás bandeiras azuis para as praias súmanse os distintivos que se outorgaron, entre outros a portos deportivos, centros ou aos denominados sendeiros azuis.
En canto aos portos deportivos, Pontevedra logra oito bandeiras. Entre elas, están as logradas polo porto Juan Carlos I e o de Portonovo (Sanxenxo) e o porto de Pedras Negras (O Grove).
Ademais, tamén houbo bandeira para o centro de interpretación As Telleiras de Vilalonga (Sanxenxo), a aula de natureza Cabo Udra e o centro de interpretación de Agrelo (Bueu), o centro de interpretación da conserva (A Illa de Arousa), o centro de interpretación da ría de Arousa (Vilagarcía) e o centro de interpretación dos petróglifos de Mogor e o Ateneo Santa Cecilia (Marín).
Entre os 15 sendeiros azuis recoñecidos en Pontevedra están a ruta de sendeirismo de Cabo Udra (Bueu), a senda perimetral Bao-Xastelas (A Illa de Arousa), o carreiro Ruta das Praias (Marín), o sendeiro do río Verdugo (Ponte Caldelas) e os sendeiros da Lanzada, Montalvo-Maior, Canelas-Punta Cabicastro e Portonovo (Sanxenxo).
Neste caso, a novidade son os catro sendeiros de Sanxenxo. Segundo o Concello, discorren por áreas privilexiadas paisaxísticamente, xa que o obxectivo é promover o desenvolvemento sustentable das zonas litorais preservando e mellorando as condicións ambientais, a seguridade e a facilidade de uso para os visitantes e unha xestión integrada e coherente dos valores naturais, históricos, culturais e etnográficos que conforman o patrimonio litoral.
En total instaláronse 101 elementos de sinalización, entre paneis xerais, mesas informativas, postes de seguimento, carteis de estrada, frechas direccionais e fitos informativos.
Relacionadas:
-
Rescatan un home que perdeu o coñecemento cando nadaba na Lanzada
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A conselleira do Mar destaca a excelencia do porto náutico de Portonovo no izado da bandeira azul
Por Diego Torrado |
-
Dez praias de Sanxenxo lucirán a Q de calidade
Por Redacción |
-
O PP lamenta que o Concello de Sanxenxo non recupere as bandeiras azuis de Areas e Caneliñas
Por Redacción |
-
Sanxenxo, a polas 13 bandeiras azuis
Por Redacción |
-
As praias das Rías Baixas 'colleitan' as súas bandeiras azuis
Por Redacción |
-
O Grove rexeita as bandeiras azuis como sinal de protesta
Por Oskar Viéitez |