Estudantes do Torre-Illa rodan un documental sobre a industria conserveira na Illa de Arousa
Por Redacción
A historia das conserveiras na Illa de Arousa será reflectida nun documental que están a elaborar os estudantes de 4ºC do CEIP Torre-Illa. Para a elaboración deste traballo que se titula 'Conversas en lata', os escolares están a gravar entrevistas de primeira man coas traballadoras para coñecer o día a día do funcionamento das fábricas.
Neste documental tratase a situación laboral, os conflitos no traballo ou como se divertían as empregadas nas fábricas de conservas. As profesoras María Cacheda e Mila Bouzón colaboran con esta proposta que conta coa coordinación, montaxe e música do profesor Carlos Abraira.
Os escolares están a descubrir durante a gravación e a produción deste proxecto a gran importancia que a industria conserveira tivo na Illa de Arousa e a dura situación de moitas das traballadoras.
O documental estrearase no Auditorio da Illa de Arousa o 15 de xuño en dobre pase, ás 19.00 e ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar o aforamento.
Trátase do terceiro proxecto audiovisual que se realiza no centro. En anos anteriores realizouse un curto de stopmotion titulado 'Quen levou a Lúa?' e un documental sobre a vida antes e despois da construción da ponte da Illa de Arousa tituado 'A Chave para 6.000 presos'. Os dous proxectos recibiron o recoñecemento dos veciños da Illa, ademais de premios no Ouff Escola de Ourense e o Olloboi en Boiro.