Poio convoca aos colectivos ciclistas para falar do "uso exclusivo para peóns" da senda de Campelo
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio vai convocar aos colectivos de ciclistas a unha reunión para falar do "uso exclusivo para peóns" da senda de Campelo, unha limitación que suscitou o malestar dos usuarios das bicicletas.
Ante esta indignación do colectivo ciclista polos novos sinais de prohibido que se colocaron en Campelo, a tenente de alcalde, Chelo Besada, explicou que esta limitación "é unha condición que pon Costas", que ten que ser peonil, "porque non é compatible peón-bicicletas".
Tras consultar co xefe da Policía Local, Antonio Duarte, a concelleira propuxo a idea de limitar o paso de ciclistas de máis de 12 anos de idade, permitindo que os nenos pequenos percorran en bicicleta a senda. "A dificultade é discriminar que pasen maiores", comentou Besada.
Trátase dun camiño de apenas dous metros de ancho que non está adaptado para ciclistas, e moito menos para vehículos, como xa ocorreu con algún coche ás poucas semanas da súa posta en funcionamento.
Chelo Besada indicou que "xa houbo varios percances" entre peóns e bicicletas, ao ser arroiados unha nena e un home maior.
O proxecto aínda non está concluído xa que falta a instalación de bancos, luminarias e a construción dun miradoiro. A senda aínda non foi inaugurada oficialmente.