Piden a Costas desafectar o ámbito do pavillón de deportes e gran parte da Xunqueira
Por Alejandro Espiño
O Concello quere regularizar a situación de terreos que, a pesar de estar situados en dominio marítimo terrestre de Costas, teñen un uso consolidado como viarios, zonas verdes ou equipamentos. Así, o goberno municipal solicitou a desafectación de gran parte da Xunqueira e do ámbito do pavillón municipal de deportes.
A intención é que todos estes terreos, que actualmente dependen de Costas, pasen a ser titularidade das diferentes administracións afectadas: a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo e o propio Concello de Pontevedra.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, explicou que esta desafectación xa foi tratada con Costas, polo que esperan unha resposta positiva a esta demanda.
Os terreos afectados son o propio pavillón municipal, a rúa Xoán Manuel Pintos, a parcela utilizada como aparcadoiro disuasorio enfronte do pavillón, unha parte do parque Rosalía de Castro ou o treito da avenida de Compostela entre a ponte e a rotonda do pavillón.
Ademais, tamén se pide desafectar a rúa Celso Emilio Ferreiro -que dá acceso ao campus-, o colexio Xunqueira I, a escola oficial de idiomas, o centro de formación do profesorado, o instituto Xunqueira II, o pavillón multiusos, todos os campos de fútbol, a escola de Forestais e unha pequena zona verde situada á beira do campo de fútbol once.
En todo este ámbito, tan só manteríase a Illa das Esculturas como terreos de dominio marítimo terrestre.
Este proceso, segundo Raimundo González, podería demorarse un ano.
A nova situación, na práctica, só afectaría o aparcadoiro disuasorio do pavillón, onde Costas debe autorizar calquera actuación que se faga nel. Tras esta desafectación, o Concello xa non dependería do Estado. O resto, lembrou o Concello, está consolidado.
OUTROS ASUNTOS
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación á empresa Ediserpo das obras de acougado de tráfico na contorna do colexio da Carballeira (Lourizán) por 90.146 euros e a Naturgalia, por 103.455 euros, dunha actuación similar no colexio do Cruceiro (Lérez). Ambas teñen un prazo de execución de tres meses.
O Concello acordou tamén licitar por 127.843 euros as obras de acondicionamento e mellora da accesibilidade na avenida das Camelias, en Pontemuíños; e por 234.226 euros a rehabilitación integral do acceso a Os Fontáns, en Santa María de Xeve.
Relacionadas:
-
Dous aparcamentos disuasorios de aspecto marciano
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A humidade dana as capas máis profundas da cancha do Municipal e motiva a súa rehabilitación
Por Redacción |
-
O Concello acelera con Costas os trámites para desafectar os estacionamentos do pavillón
Por Redacción |
-
Reforma integral e "imprescindíbel" para o Pavillón Multiusos da Xunqueira
Por Diego Espiño |
-
A Illa das Esculturas ponse a punto para o verán
Por Redacción |
-
A entrada á cidade pola avenida de Compostela muda a súa imaxe
Por Redacción |
-
Reclaman a Costas a desafección de máis de 20.000 metros cadrados en Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño |