Cuntis goza das motos
Por Redacción
Máis de douscentos amantes das dúas rodas motorizadas atópanse durante esta primeira fin de semana de maio por Cuntis. Participan da segunda concentración moteira organizada pola pena local Pinotes Racing, que conta con 17 moteiros.
Durante a tarde do sábado e este domingo pola mañá, os participantes realizaron rutas pola contorna do municipio. Tamén desenvolveron xogos populares e unha cea durante a noite do sábado na carpa do balneario.
Nesta ocasión puidéronse ver desde choppers ata ciclomotores, distintos modelos para un evento que busca o irmandamento e a diversión na que non faltaron carreiras de sacos na carpa instalada para a ocasión.
O presidente de Pinotes Racing, Pablo Durán, móstrase moi satisfeito coa participación nesta segunda cita e agradece a colaboración do Concello e das Termas de Cuntis. Ademais, o bo tempo durante as últimas horas axudou a que se achegasen motoristas de toda a provincia, que puideron contar coa posibilidade de acampada libre.