Estafaron á Xunta nas expropiacións para o macronó de Curro?
Por Oskar Viéitez
Para o vindeiro martes día 9 de maio sinalou a sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra un caso de estafa, falsidade e contra a facenda pública, onde a suposta vítima foi a Xunta de Galicia. Xúlgase un perito e o administrador dunha empresa de áridos por tratar de obter un prezo notablemente superior ao real polos terreos expropiados para a construción de estradas.
Ao empresario acúsaselle tamén de incumprir as súas obrigacións tributarias xa que, segundo a Fiscalía, non declarou no seu día os ingresos obtidos por esta expropiación.
A Fiscalía pide, para cada un deles, a pena de cinco anos de prisión e multa pola estafa e falsidade. Polo delito contra a facenda pública, solicita que o empresario sexa condenado a dez meses de prisión e multa de 300.000 euros, e que a sociedade abone en concepto de multa 400.000 euros. Ademais, pide que ambos os acusados indemnicen á Xunta en 916.514 euros, a cantidade que supostamente cobraron de máis.
Este caso, que procede do Xulgado de Instrución número 1 de Cambados, refírese ás expropiacións de terreos que levou a cabo a Xunta entre os anos 2008 e 2010 para executar o macronó de Curro, entre Barro e Meis.
No escrito de acusación da Fiscalía, facilitado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), apúntase que a Xunta pagou 1.262.000 euros por uns bens que só valían entre 286.000 e 345.000 euros.