Sanxenxo inicia o proceso de selección de socorristas e sanitarios para as súas praias
Por Redacción
Sanxenxo non quere esperar máis e ponse ao choio para seleccionar aos socorristas e os sanitarios que vixiarán as súas praias este verán. A intención é crear unha bolsa de emprego cun mínimo de 55 socorristas e sanitarios, aínda que o Concello entende que os cambios nas condicións esixidas pola Xunta fai augurar que este número podería ser maior.
A bolsa será utilizada segundo as necesidades do servizo, con contratos que oscilarán entre os tres e os dous meses. Cada aspirante figurará nesta bolsa coa puntuación obtida tras a realización das probas e a súa contratación decidirase en función deste baremo.
O Concello de Sanxenxo mantén este ano as condicións laborais dos socorristas, percibirán 1.200 euros brutos mentres que os xefes de posto terán un complemento que elevará o seu salario ata os 1.441 euros.
O prazo de presentación de solicitudes para participar no proceso de selección do persoal que conformará este verán o servizo de vixilancia en praias concluirá o próximo 24 de maio.
Ademais da solicitude, os aspirantes deben achegar a fotocopia do DNI, un certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade ou discapacidade que lles impida exercer, o currículo con fotografía recente e a copia cotexada do título esixido nas bases da convocatoria para cada praza ou a declaración ou certificado de estar en condición de obtelo.
As probas selectivas realizaranse o día 27 de maio. A praia de Silgar será o escenario das probas físicas. Os aspirantes daranse cita ás 9.30 horas da mañá no areal para realizar as probas establecidas, que consistirán en correr 200 metros pola area co material de salvamento (aletas e flopi), entrar na auga e nadar 800 metros ata unha aboia e superar outros 200 metros de carreira pola praia portando as aletas e o flopi.
Posteriormente trasladaranse ao Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo. Alí terán lugar os exames teóricos xenerais e, posteriormente, a proba de reanimación cardio-pulmonar básica para as persoas que optan aos postos de sanitarios.
As persoas que concorran aos postos de sanitarios terán que contestar a un test que versará sobre primeiros auxilios como poden ser pautas xerais ante un accidentado, valoración do accidentado, reanimación cardio-pulmonar, arterioesclerose-aterosclerose, hemorraxias, feridas, traumatismos e politraumatismos, shock, cadros convulsivos, trastorno pola calor, lesións e trastornos polo frío, intoxicacións pola vía dixestiva, picaduras e mordeduras, intoxicacións por drogas, transportes de accidentados e asfixias.
Pola súa banda, os aspirantes a socorristas terán que demostrar tamén os seus coñecementos acerca de primeiros auxilios e sobre temas relacionados co salvamento acuático como os seus principios xerais, secuencia de actuación, técnicas de entrada na auga, flotacións, técnicas de natación adaptadas, mergullo, técnicas de control e de remolque directas, de utilización do material de rescate, técnicas para o rescate de accidentados de columna, de respiración artificial no medio acuático, de extracción de accidentados, de salvamento acuático en espazos naturais e comunicacións.
Relacionadas:
-
Areas, Silgar, Canelas e Montalvo contarán con socorristas desde este venres
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo pasa exame aos seus 'vixiantes da praia'
Por Redacción |
-
Costas autoriza a instalación de trece quioscos en nove praias de Sanxenxo
Por Redacción |
-
A Federación de Salvamento formará a socorristas en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo aplaude a rectificación da Xunta do decreto dos socorristas
Por Redacción |
-
Fanecas, ourizos e avespas, as que máis ocuparon coas súas picaduras aos socorristas de Sanxenxo este verán
Por Redacción |