Cerdedo-Cotobade duplicará os efectivos de Protección Civil para cubrir todo o concello
Por Redacción
A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cerdedo cambia a súa denominación e amplía o seu territorio para cubrir tamén o ámbito de Cotobade, tras a fusión de ambos os dous concellos. Así se acordou nun pleno extraordinario celebrado no municipio.
Así, duplicarase o número de efectivos e prestarán atención a todo o municipio. Dende este momento, o colectivo terá competencias de actuación nas emerxencias ou calquera outro operativo nos 214 quilómetros cadrados do termo municipal.
Segundo explicou o concelleiro encargado de Protección Civil, José Luis Crujeiras, estes cambios obedecen "a dar formalidade á ampliación deste servizo e tamén e contar con máis forza á hora de realizar solicitudes ante as administracións".
Cerdedo-Cotobade é, recordou, o terceiro municipio máis extenso da provincia de Pontevedra.
Crujeiras indicou que a agrupación cerdedense conta na actualidade con seis voluntarios e a cifra vaise duplicar de xeito inmediato coa conformación dun segundo grupo na zona de Cotobade que disporá de outros tantos efectivos.
Ao respecto, catro persoas van rematar o curso básico de Protección Civil e outras dúas van comezar con esta formación nun breve prazo.
"Cremos que con doce persoas e coa creación dun grupo en Cotobade poderemos atender en moi boas condicións a todos os veciños e todo o territorio, ofrecendo ademais unha resposta moito máis rápida ante calquera situación que necesite a cidadanía", explicou o edil.