A Lama pide máis fondos ao Goberno para paliar os gastos que xera o cárcere
Por Redacción
Un concello pequeno como A Lama debe facer un esforzo económico importante para asumir os gastos que xera ter un cárcere no seu termo municipal. Por iso é polo que o alcalde, Jorge Canda, pedira ao Goberno máis fondos para paliar o custo da prisión.
Fíxoo nunha reunión celebrada na sede de Instituciones Penitenciarias en Madrid, onde foi recibido polo seu secretario xeral, Ángel Yuste.
Xunto a Canda tamén asistiron a este encontro o senador galego José Manuel Barreiro (PP) e representantes dos concellos de Outeiro de Rei, Curtis e Pereiro de Aguiar, onde se sitúan outros tres centros penais galegos.
Os alcaldes trasladaron a incidencia que teñen estes centros penais nos seus correspondentes concellos, porque xeran un incremento de custos na prestación de servizos como consecuencia da súa localización.
Sinalaron que estes custos teñen relación cun aumento no gasto de mantemento, iluminación, abastecemento de auga, é dicir, un maior investimento en infraestruturas e nos servizos sociais básicos.
Doutra banda, tamén supón unha sobrecarga nos xulgados de paz, xa que teñen que tramitar un maior número de denuncias e déixase notar en localidades de dimensións tan reducidas.
Así, pediron na reunión sensibilidade con esta situación e que os concellos vexan aumentada a súa asignación para axudar a paliar os gastos.
Ángel Yuste, secretario xeral de Instituciones Penitenciarias, trasladou a súa boa predisposición para buscar uns criterios "razoados e xustos" que poidan compensar eses sobrecustos.