Inmobilizada unha ambulancia tras dar positivo en cocaína o seu condutor
Por Natalia Puga
O condutor dunha ambulancia enfróntase a unha sanción de 1.000 euros e á retirada de seis puntos do carné de conducir tras ser interceptado levando o vehículo sanitario dando positivo en consumo de cocaína. Trátase dun veciño de Pontevedra de 42 anos de iniciais M.J.B.G.
Segundo informaron fontes da Garda Civil de Pontevedra, efectivos do destacamento de Tráfico de Vilaboa interceptaron a ambulancia nun punto de verificación selectivo de vehículos na peaxe da AP-9 sobre as 22.05 horas deste mércores.
Os axentes detectaron que o condutor presentaba síntomas de atoparse baixo o efecto das drogas, de modo que foi sometido á proba específica para detectar estupefacientes e deu positivo en cocaína.
Tras realizarlle o test, os axentes procederon a inmobilizar o vehículo e requiriron o apoio doutra ambulancia que se fixo cargo do servizo.