O Ano Santo de 2021, data tope para a conclusión da mellora das rutas xacobeas na provincia
Por Oskar Viéitez
A Mesa do Camiño da provincia de Pontevedra, integrada por Deputación, Xunta de Galicia e os concellos polos que discorren as rutas xacobeas, fixou o Ano Xacobeo 2021 como prazo límite para a mellora definitiva das rutas en materia de accesibilidade, seguridade e promoción.
Ademais na reunión aprobouse este xoves o novo regulamento e avanzou no seu obxectivo de ser o órgano operativo de coordinación e colaboración dos axentes institucionais e sociais con competencias e accións nos camiños a Compostela.
Co novo regulamento, ademais do Camiño Portugués e a Vía da Prata, incorpóranse o Camiño Portugués pola Costa e o Camiño do Inverno de maneira que na mesa xa están integradas todas as rutas recoñecidas na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.
Na reunión da mesa, que preside a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e á que asistiron a directora xeral de Turismo da Xunta, Nava Castro, así como os alcaldes e representantes municipais, se deu conta dun informe da Xunta coas medidas levadas a cabo nos diferentes camiños que percorren a provincia.
PROMOCIÓN DE RÍAS BAIXAS EN LISBOA
Por outra banda, Carmela Silva informou en comparecencia de prensa que a campaña de promoción de Turismo Rías Baixas "Moito por descubrir" chega este luns a Lisboa.
Cruzando camiños, festivais, enoturismo e calidade centrarán a presentación na capital portuguesa.
A presidenta da Deputación será recibida na sede da Assambleia da República de Portugal e reunirase co número dous do Ministerio de Exteriores.