O Degusta Tapas de Sanxenxo recorta a súa duración e planea desdobrarse en outono
Por Redacción
Menos duración, pero cunha posible nova cita no outono. Son as principais novidades coas que chega este ano o certame gastronómico Degusta Tapas de Sanxenxo. A súa oitava edición celebrarase entre o 19 de maio e o 4 de xuño, segundo informou o goberno municipal.
A falta das inscricións que se poidan realizar ata o final do prazo, que remata mañá venres 5 de maio, o certame conta xa con 25 hostaleiros inscritos.
Os establecementos participantes servirán as súas tapas tradicionais e creativas, elaboradas con produtos autóctonos galegos, a un prezo único de 2 euros. E, do mesmo xeito que o ano pasado, poderán engadir unha tapa doce, como sobremesa, tamén ao prezo de dous euros, con consumición non incluída.
Do mesmo xeito que en anteriores convocatorias, poderán concorrer aqueles locais que estean dados de alta como restaurante, cafetería ou bar, presentando un máximo de dúas elaboracións, coas que optarán a algún dos premios concedidos tanto por un xurado popular como por un profesional.
Para emitir o seu voto o público deberá visitar polo menos cinco establecementos, dándolle dereito a entrar nos sorteos e agasallos que se entregarán ás persoas que se acheguen a degustar as tapas.
Ademais, Turismo de Sanxenxo emprenderá diferentes accións de difusión do certame, de maneira que os participantes aparecerán nos folletos, carteis e 'degustamapas' e terán unha presenza destacada na páxina web municipal e nas redes sociais.
A intención do Concello repetir esta iniciativa no outono con produtos de tempada, a condición de que a proposta conte co respaldo dos hostaleiros.
A Concellería de Turismo celebrará nas mesmas datas a sexta edición de Sanxenxo Degusta Drink. Neste concurso estableceranse dúas categorías, estando dedicada unha delas aos combinados sen alcol, que se servirán a un prezo de 2,5 euros, mentres que a outra virará ao redor dos cócteles con alcol, que custarán 3 euros.
Tamén se entregarán agasallos ao público que se some a esta acción esixindo tan só a degustación de tres cócteles á hora de participar nos sorteos, mentres que a entrega dos demais obsequios efectuarase coas mesmas condicións que o concurso de tapas.
Relacionadas:
-
Sanxenxo estrea nova cita gastronómica: Petiscos de outono
Por Redacción |
-
Sanxenxo clausura o Degusta Tapas 2017
Por Redacción |
-
O concurso Sanxenxo Degusta arranca este venres con 64 tapas participantes
Por Redacción |
-
Sanxenxo Degusta entrega os premios ás mellores tapas e cócteles
Por Redacción |
-
Ollares da Ría e Taberna de Caneliñas, gañadores do certame Sanxenxo Degusta Tapas
Por Redacción |
-
'Sanxenxo Degusta TAPAS', a piques de superar as 12.000 racións vendidas
Por Redacción |