Denuncian o uso de estudantes en prácticas para substituír traballadores no 'Gran Hotel La Toja'
Por Anxo Lourido
Dous traballadores do 'Gran Hotel La Toja' reclamaban a nulidade do seu despedimento este xoves nos xulgados da Audiencia. Trátase de dous delegados sindicais de Comisiones Obreras. Un terceiro delegado deste sindicato que se atopaba no comité de empresa tamén foi despedido pero alcanzou un acordo co grupo Hotusa, actual propietario deste establecemento emblemático do Grove.
Aproveitando esta cita xudicial, un grupo de traballadores e delegados de CC.OO. concentrábanse ante a Audiencia para denunciar a situación de precariedade que se vive no Gran Hotel desde a compra por parte do grupo Hotusa hai xa máis dun ano.
Sinalan que este grupo empresarial incumpre os compromisos adquiridos tras a aplicación dun expediente de regulación de emprego e aseguran que están a despedir ás persoas con máis tempo na empresa. De feito, os dous traballadores que reclaman a nulidade nos xulgados contaban cunha antigüidade de 17 e de 34 anos.
Eugenio Padín, un dos despedidos, manifestaba que se están a levar a cabo prácticas abusivas con salarios precarios obrigándolles a realizar xornadas laborais de máis de oito horas. "Estamos volvendo 30 anos atrás", sinala o delegado sindical ante a perda de dereitos. Indica que a empresa quere pasar a todo o persoal a situación de fixo descontinuo negociando individualmente as condicións laborais.
Con todo, desde Comisiones Obreras sinalan que a Inspección de Traballo informou de que esta negociación tería que realizarse a través do comité de empresa con indemnizacións de máis de 20 días.
Sinalan que o persoal pasou de 75 traballadores a 33 fixos descontinuos e apuntan a que a empresa está a abaratar custos. O sindicato denuncia que se están substituíndo traballadores por estudantes en prácticas procedentes do Carlos Oroza. "Non estamos en contra pero iso había que controlalo. Van quedar sesenta familias do Grove na rúa con esta política de empresa", indica Pablo Prol, outro delegado sindical despedido.
Comisiones Obreras pregúntase onde está o investimento millonario que este grupo prometeu cando realizou a compra do Gran Hotel porque aseguran que o seu obxectivo é convertelo nun hotel de tempada.