Un vigués de 46 años, detido polo roubo en 27 coches aparcados en Poio
Por Redacción
Ata 27 roubos en vehículos aparcados en varios garaxes de Poio. Son a cuarta parte dos máis de cen coches que, segundo a Garda Civil, foron desvalixados por un vigués de 46 anos, detido nas últimas horas cando saía do seu domicilio.
A investigación comezou tras os primeiros roubos, que se produciron a mediados do mes de marzo en Poio. Posteriormente, entraría en vehículos aparcados en garaxes comunitarios de Moaña, Cangas e Baiona.
A identificación do autor destes roubos foi posible, explica a Garda Civil, polas imaxes gravadas a través das cámaras de vídeo vixilancia dalgúns garaxes de Cangas, dos testemuños obtidos, que recoñecen ver a esta persoa en moitos dos garaxes afectados e tamén da súa peculiar forma de actuación.
O detido cometía os roubos durante as fins de semana ou en vésperas de días festivos. Os investigadores destacaron que tiña un coidado meticuloso á hora de cometer os roubos, xa que sempre actuaba só e trataba de causar o menor dano posible.
A Garda Civil asegura que a maior parte das veces fracturaba os cristais máis pequenos dos portelos para logo acceder aos mandos de apertura das portas, mentres que noutros casos facíao mediante o apalancamento das lúas cun desaparafusador.
O obxectivo dos roubos era o diñeiro en metálico que destinaba para satisfacer as necesidades que lle ocasionaba a súa afección ao xogo, aínda que nalgunhas ocasións tamén levou pequenos obxectos que atopaba no interior dos vehículos.