Acepta cinco anos de prisión por ameazar cunha pistola o cliente dun bar, disparar ao aire e traficar con drogas
Por Natalia Puga
O veciño de Vilagarcía E.M.G. será condenado coa súa conformidade a cinco anos de prisión como autor dos delitos de ameazas, tenencia ilícita de armas, contra a saúde pública e receptación que cometeu en abril de 2016 en Vilagarcía de Arousa.
O home sentou no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial este martes, pero xa non foi necesario que se celebrase o xuízo, pois alcanzara un acordo de conformidade previo co fiscal polo que viu reducida a condena dos seis anos de prisión aos que se enfrontaba inicialmente aos cinco polos que será finalmente condenado.
O escrito de acusación do fiscal co que el se conformou mantén que na madrugada do 23 de abril de 2016 atopábase nun bar de Vilagarcía, cando, tras establecer unha discusión con outro cliente do bar manifestoulle que lle ía a pegar un tiro na cabeza. Abandonou o local e regresou ao pouco tempo mostrándolle unha pistola. Varias persoas que estaban no bar reducíronlle e levaron á rúa e, nese momento, efectuou un disparo ao aire.
A consecuencia do altercado producido, acudiu ao lugar a Policía Nacional e detivérono e retiraron a pistola e seis cartuchos de munición, así como 13 bolsas termoselladas dunha sustancia que resultou ser cocaína. Ademais, comprobaron que carecía de licenza de armas.
Ese mesmo día a Policía Nacional realizou un rexistro na súa casa de Vilagarcía e interveulle varios envoltorios de cocaína, catro balanzas de precisión, sustancia de corte, un caderno con anotacións nomees e recortes de bosas de plástico, que o acusado posuía para o corte, pesada, almacenaxe e distribución da sustancia incautada. En total, tiña 192,408 gramos de cocaína de distinta pureza que suporían un valor de 2.162,38 euros no mercado ilícito a razón de 20,16 euros por doses. A Policía Nacional tamén lle interviu na súa casa 26 reloxos, numerosas xoias de muller e catro navegadores electrónicos que foran subtraídos en tres roubos con forza.
Froito do acordo de conformidade, será condenado a seis meses de prisión por ameazas, 12 meses por tenencia ilícita de armas, tres anos e unha multa de 2.200 euros por un delito contra a saúde pública e seis meses por receptación.