Poio retoma a súa axenda oficial tras os tres días de loito
Por Oskar Viéitez
A Concellería de Cultura e Festexos do Concello de Poio retoma a súa axenda oficial, tras os tres días de loito declarados o pasado mércores 26 de abril en memoria dos falecidos no naufraxio do Nuevo Marcos na costa de Combarro.
A concelleira da área, Lidia Salgueiro, informou que todas as actividades que foron canceladas e que estaban previstas para a ponte do 1 de maio, xa teñen nova data.
A Casa do Pobo de Samieira acollerá, o vindeiro sábado 6 de maio, a obra "A Sombra do Circo" de Ksiloco Teatro y Mimo. É un espectáculo teatral que combina varias técnicas das artes escénicas, como mimo, sombras chinesas, clown, música, maxia, danza... mesturando todo con ritmo e humor. Será a partir das 20:00 horas, para desfrutar de 60 minutos de moita diversión para todos os públicos.
Así mesmo o domingo día 7 a partir das 18 horas, a SCD Samieira celebrará un dos seus festivais benéficos, con entrada a cambio de alimentos non perecedoiros. Cunha tarde chea de música, teatro e humor, contarán con actuacións como a incrible Marietta que presentará o seu novo disco, o Grupo Miúdo de Samieira formado polos pequenos teatreIros do pobo que interpretarán unha divertida obra teatral, o Grupo Os Compadres tocará algunhas das súas melodías, Lida e Vivi contribuirán con danza e o Grupo Oro y Plata, onde Rosalina e Begoña deleitarán co seu bo facer teatral.
FESTA DOS MAIOS
Un das festas máis arraigadas e na que máis colectivos e veciñanza participa, a Festa dos maios, co concurso que repartirá preto de 5.100 euros, volve o domingo 7 de maio, con cambios con cambios respecto a convocatoria inicial, xa que pasará a celebrarse na Explanada da Seca ao ser domingo e para non interferir cos actos relixiosos que se celebran no Mosteiro de Poio. O horario se mantén ás 11 da mañá.
Esta nova data foi consensuada con todos os colectivos e representantes de maios participantes, unha vez finalizado o prazo de inscrición.
Xa pola tarde, os maios acudirán a cita coa vila de Combarro. A partir das 17:30 horas, a Praza de Chousa acollerá o certame que organiza o Ateneo Corredoira.
OUTRAS ACTIVIDADES
O pasado sábado 29 de abril tíñase programado o acto de inauguración da Exposición "Xaime Isla, raíz e utopía de Galicia". A expensas de establecer unha nova data para o acto de presentación, na que participarán representantes da Fundación Xaime Isla, SCD Raxó e do Concello de Poio, a exposición estará aberta ao público a partir do martes 2 de maio. Ubicada no Centro Cultural Xaime Illa Couto, poderá visitarse de 16:30 a 21:30 horas de luns a venres.
Esta exposición marca o inicio da programación especial que dende a Concellería de Cultura se está preparando co gallo do Día das Letras Galegas, que, ademais de manter os actos centrais, presentará diferentes novidades.
Relacionadas:
-
O "Nuevo Marcos" xa foi reflotado a Combarro
Por Oskar Viéitez |
-
VIDEO.- Naufraxio á porta da casa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Tres días de loito en Poio: "O noso pensamento neste momento tan tráxico está cos familiares e amigos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Tres mariñeiros falecidos no naufraxio dun barco entre Tambo e Combarro
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada