A brigada municipal comeza a limpeza nos 33 núcleos de Ponte Caldelas
Por Redacción
A campaña anual de limpeza e corta da broza que o Concello de Ponte Caldelas iniciou a pasada Semana Santa continua o seu paso polos espazos públicos e no seu remate centrarase nos camiños rurais que comunican os 33 núcleos de poboación existentes no mapa do municipio.
O labor, que se prolonga durante uns tres meses, farase agora coincidir coas festas locais de cada lugar, para que a contorna luza co mellor aspecto durante esas xornadas de convivencia veciñal. Ao tempo, aproveitarase para dar un repaso aos atrios, torreiros e lugares onde se celebran as actividades parroquiais.
O goberno tripartito puxo unha brigada de cinco operarios a efectuar este labor, introducindo nela aos efectivos do Plan de Emprego da Deputación. O Concello de Ponte Caldelas é o único da comarca que optou por pagar a estes traballadores coas táboas salariais do convenio da construción, de xeito que o seu número é inferior, pero tamén se disporá deles a xornada completa e cunha retribución, en todos os casos, superior aos 1.200 euros mensuais.
O Concello esixirá, no marco desta fórmula na que se respectan ao 100% os dereitos laborais, que o rendemento sexa equiparable ao dos operarios do propio cadro de persoal.
A campaña de limpeza e roza das pistas e espazos públicos municipais estase realizando con medios exclusivamente manuais, incluíndo o soprado e recollida dos restos vexetais. O Concello adoptou unha resolución pola que prohíbe o uso de calquera tipo de herbicidas químicos, polos seus efectos nocivos no medio ambiente.
Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas xa publicou o bando que lembra o deber de limpar as fincas particulares de broza e vexetación antes do 30 de xuño, pois en caso contrario iniciarase un expediente sancionador que pode rematar en multas ou na execución subsidiaria da limpeza (repercutindo ao infractor, en vía executiva, a multa e o custo dos traballos).
O bando é consecuencia da ordenanza recentemente aprobada por Ponte Caldelas, un texto que xa foi reclamado por tres concellos da provincia para elaborar normativas semellantes.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas sancionará tres veciños por desobedecer a orde municipal de limpar as súas fincas
Por Redacción |
-
Tres meses para rozar os espazos municipais de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
A veciñanza de Caritel quéixase do uso de herbicidas químicos preto das vivendas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas prohibirá o uso dos herbicidas químicos máis agresivos
Por Redacción |