O Vaibus Plus comezará a funcionar a mediados de maio con sete servizos diarios de ida e volta ao Hospital do Salnés
Por Oskar Viéitez
Vilagarcía está a piques de ver cumprida unha demanda que os veciños viñan realizando dende hai anos: O establecemento dunha liña de autobús directa ao hospital e coas frecuencias axeitadas. O servizo denominado VaiBus Plus! porase en marcha a mediados de maio con 7 servizos diarios de ida e outros 7 de volta en horario de mañá, que é cando se desenvolven a gran maioría das consultas.
A medida é posible grazas ao convenio que o Concello de Vilagarcía ven de pechar co grupo Benito Abalo e para o cal Ravella aporta unha subvención de 25.000 euros anuais.
O prezo do billete do VaiBus Plus! será de 1,35 euros e o traxecto terá paradas na dársena do Cavadelo, San Roque, Cemiterio, Rubiáns e Hospital. A achega do convenio permite financiar 5 dos 7 servizos diarios. Os 2 restantes son os que xa ofrecía a empresa e que tamén se manteñen.
Habilitarase un vehículo exclusivo para o VaiBus Plus, rotulado convenientemente, e contarase con outro de apoio que cando realice os desprazamentos ao hospital levará os correspondentes carteis identificativos.
Coa iniciativa do Concello subvencionando a liña, este problema está resolto en horario de mañá, no que se concentran o maior número de consultas. Non obstante, dado que algúns especialistas tamén prestan servizos pola tarde, e como o hospital é un centro comarcal que afecta aos veciños de varios municipios, o Concello xa anunciou que volverá a dirixirse á Xunta de Galicia na procura de apoio económico para ampliar o VaiBus Plus! ao horario de tarde.