Unha horta comunitaria, proxecto piloto do Concello de Bueu
Por Redacción
Bueu contará coa súa primeira horta comunitaria. O goberno municipal porá en marcha, entre os meses de maio e setembro, este proxecto piloto no que participarán quince persoas. Todas elas poderán traballar a súa propia parcela nuns terreos próximos á senda do río Bispo.
Así o salientou na rolda de prensa desta mañá o alcalde, Félix Juncal, quen estivo acompañado de Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Fidel Castro, edil de obras e servizos, Sonia Cabodevila, técnica de desenvolvemento local, e Luz Gómez, representante da Asociación Morrazo Sostible, que será a xestora deste proxecto.
Esta horta comunitaria, educativa e de lecer sitúase nuns terreos próximos á senda do río Bispo, que suman unha superficie total de arredor de 1.000 metros e que foron cedidos polos propietarios ao Concello para o seu uso.
A elección desta contorna é moi destacable, recordan desde o Concello, posto que se sitúa nunha área natural de gran beleza paisaxística e na que antigamente xa se plantaban hortalizas.
Nos vindeiros días abrirase a inscrición e publicaranse as bases de participación nestas hortas ecolóxicas na páxina web e sede electrónica do Concello de Bueu, aínda que xa se avanzou que haberá un total de 16 parcelas, reservándose unha para uso educativo e de esparexemento.
Tal e como destacou o rexedor da vila, este proxecto innovador busca "ofrecer unha oportunidade para recuperarmos a agricultura e a relación ca terra, que tamén nos ofrece lecer e desconexión".
Por iso, entenden que é moi importante que se inscriban persoas de diferentes perfís, tanto agricultores con experiencia como mocidade con ganas de formarse na alimentación saudable, ou mesmo de calquera outro eido, para así compartir coñecementos e enriquecer experiencias.
Atendendo ás características técnicas, o proxecto desenvolverase entre maio e setembro, aproveitando a época para a plantación, en cada unha das quince parcelas que terán unha superficie de 35 metros cadrados aproximadamente.
O custe total será de 50 euros, o que inclúe a entrega dun paquete con ferramentas, plantas e sementes entre todos e todas os participantes.
Entre as actividades que se celebrarán destacan un curso de iniciación de catro semanas para os usuarios, sesións de seguimento e formación continua na horta durante o período, obradoiros mensuais de fin de semana, visitas escolares e eventos de divulgación do proxecto.