Cerdedo-Cotobade advirte aos veciños da súa obriga de manter limpas as fincas
Por Redacción
Minimizar o risco de que se produzan incendios forestais. É o obxectivo que persegue o Concello de Cerdedo-Cotobade co bando que acaba de emitir para recordarlle os cidadáns a súa obriga de limpar as fincas e propiedades particulares.
Esta labor informativa reforzarase co envío, dende a xornada de mañá, dunha carta a todos os domicilios do municipio.
O obxectivo do goberno local pasa por tomar medidas ante un verán que se prevé complicado polas condicións climatolóxicas de seca dos últimos meses e por iso está a actuar con antelación para que os propietarios cumpran coas labores de limpeza esixidas pola Lei do Solo de Galicia.
No bando solicitan a colaboración cidadá para defender os montes e o territorio e advírtese de que o incumprimento das tarefas de limpeza pode supoñer multas coercitivas de entre 300 e ata 6.000 euros ou a execución forzosa destes traballos.
Ademais, o Concello vai proceder a un control do cumprimento da normativa referida á limpeza de fincas e explícase que, chegado o caso, poderá procederse á execución subsidiaria destes traballos en aras do interese xeral.
Polo demais, o bando complétase cunhas pautas informativas nas que se explica, entre outras cuestións, que as vivendas illadas deben estar sen maleza nin copas de árbores nun radio de dez metros mentres que, no caso das aldeas ou conxuntos de casas, esta distancia amplíase ata os trinta metros.
O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, quixo apelar á "responsabilidade" dos veciños para que manteñan limpas as súas fincas e indicou que malia que o Concello vai exercer unha importante labor de control, "é imposible examinar todas as propiedades nun municipio de 215 quilómetros cadrados", polo que insistiu en que "todos debemos coidar das nosas propiedades e telas en boas condicións, xa que é bo para todos".