Es funcionario/a? Participa nas "Vacacións con Traballo" do Fondo Galego de Cooperación
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acolleu este xoves a presentación de 'Vacacións con traballo', iniciativa do Fondo Galego de Cooperación dirixida aos traballadores e traballadoras públicos dos municipios adheridos e tamén da institución provincial.
Trátase da oportunidade de pasar as vacacións traballando nun proxecto de cooperación internacional, neste caso no plantexado en Mozambique, de maneira que poderán intercambiar coñecementos, prestar apoio a futuros proxectos e promover un maior coñecemento da realidade do país africano.
"Estamos a tratar que os funcionarios se animen a participar neste programa", sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva, porque "non podemos darlles as costas" aos países que necesitan axuda.
Neste caso ofértanse dúas prazas, que preferentemente conten con formación en traballo social ou en técnico de igualdade, aos cales se lles cubrirá desde o Fondo Galego de Cooperación os seus gastos de desprazamento, aloxamento e manutención durante a súa estancia en Mozambique.
Os interesados poden anotarse ata o día 10 de maio a través da páxina web www.fondogalego.org.
'Vacacións con traballo' púxose en funcionamento por primeira vez no ano 2005 e desde entón 40 persoas puideron participar no programa.