Unha detención en Ponte Caldelas precipita a caída dun grupo criminal que roubaba en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Trece roubos con forza en naves e establecementos comerciais, un en Lugo e o resto en Pontevedra. Son os feitos que a Garda Civil imputa aos catro detidos como presuntos integrantes dun grupo criminal especializado neste tipo de roubos. Unha quinta persoa está a ser investigada por receptar os obxectos subtraídos.
Todos os detidos nesta operación, que foi denominada "Speranto", teñen un amplo historial de antecedentes policiais, nalgúns casos con máis de cen detencións por delitos contra o patrimonio, polos que foron condenados ata con doce anos de prisión. Dous deles, ademais, tiñan penas aínda pendentes por cumprir.
Segundo informou o instituto armado, a primeira das detencións produciuse o pasado mes de marzo en Ponte Caldelas. A partir de aí, o resto fíxose de forma graduada. Unha foi o pasado 24 de abril no aeroporto de Peinador, cando un dos membros da banda pretendía abandonar o país; e o resto, o 25 de abril, en Redondela e Pazos de Borbén.
O detido en Ponte Caldelas xa ingresou en prisión provisional e o resto pasarán a disposición xudicial nas próximas horas no xulgado de instrución número 1 de Pontevedra.
A todos eles impútaselles a comisión de roubos con forza en naves e establecementos comerciais da Cañiza, Pazos de Borbén, A Lama, Ponte Caldelas, Mos e Pontevedra, e atribúeselles os delitos de pertenza a grupo criminal, receptación e branqueo de capitais.
Nos tres rexistros realizados, un deles na Lama, a Garda Civil recuperou equipos informáticos, teléfonos móbiles, útiles e ferramentas para a comisión dos roubos e unha importante cantidade de diñeiro en efectivo.
MODUS OPERANDI
A investigación comezou a finais de 2016 tras detectar a Garda Civil un incremento no número de roubos que se producían en naves e establecementos comerciais da provincia.
O modus operandi era sempre o mesmo, xa que todos os roubos planifícanse previamente cun estudo "pormenorizado" dos locais, seleccionando aqueles que se atopaban en zonas illadas e que, pola súa aparencia exterior, eran de fácil acceso e contaban con escasas medidas de seguridade.
Unha vez elixido o local, os ladróns fracturaban as fechaduras das portas ou as xanelas para acceder ao interior, utilizando "sofisticadas ferramentas" para forzar as caixas fortes, onde adoitaban atopar importantes "botíns".
Os efectos roubados gardábanos nos seus domicilios, repartidos pola provincia de Pontevedra, desde onde lles daban saída ao mercado ilícito a través doutro dos membros do grupo, que exercía a función de receptador.
Para todo iso, os integrantes deste grupo reforzaban a súa propia seguridade, entre outras cuestións, utilizando vehículos de aluguer para os seus desprazamentos, portando pasamontañas en cada un dos roubos ou cambiando frecuentemente de teléfonos móbiles.