PP e Ciudadanos critican que Fernández Lores participe no acto de homenaxe a Fidel Castro
Por Redacción
O Partido Popular e Cidadáns emitiron dous comunicados criticando que o alcalde de Pontevedra asista ao acto de homenaxe a Fidel Castro organizado pola 'Asociación de Amizade Galego - Cubana Francisco Villamil' que terá lugar este sábado 29 no Teatro Principal coa participación do polémico actor Willy Toledo.
Os populares manifestan que non se poden crer que un alcalde, que representa a todos os veciños de Pontevedra, se preste a participar nun acto de recoñecemento da figura do falecido líder cubano.
Desde a formación de Jacobo Moreira engádese que o alcalde Fernández Lores non pode acudir a un acto partidista mostrando unha postura que non é compartida por "todos os pontevedreses".
O portavoz do grupo municipal do PP lembra que o rexedor considerara "improcedente" o nomeamento de Filgueira Valverde como homenaxeado para celebrar o Día das Letras Galegas 2015 alegando que o intelectual pontevedrés atopábase moi aliñado coa ditadura. Agora, os representantes populares queren que Lores confirme a súa implicación, que de ser certa parécelles "improcedente" que Lores participe nela.
REACCIÓN DE CIDADÁNS
Pola súa banda, María Rey, responsable de Cidadáns en Pontevedra, afirmou que con este acto, o Bloque Nacionalista Galego rende homenaxe aos ditadores do mundo. A representante da agrupación laranxa acepta que Lores "poida facer amigos ata en Corea do Norte" pero non en representación da cidadanía de Pontevedra.
María Rey critica tamén o apoio manifestado polo BNG, días atrás, ao goberno de Nicolás Maduro. Desde Cidadáns indícase que "non se poden facer homenaxes a uns represaliados e rirnos doutros. Non podemos utilizar unha cadeira de brazos para aplaudir aos que pisan ao seu pobo para manter o seu".