Recuperan unha bicicleta roubada no ámbito da Ferrería
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Pontevedra lograron recuperar unha das bicicletas roubadas nos últimos días na cidade, concretamente na contorna da Ferrería.
Segundo informou a comisaría local, os axentes identificaron a bicicleta cando o presunto autor do roubo ía con ela.
A actitude sospeitosa do ciclista fixo que os policías optasen por darlle o alto. O home non foi capaz de acreditar a titularidade do vehículo nin de identificar o seu propietario.
Por iso, os axentes procederon a inmobilizar a bicicleta e tratar de localizar ao seu dono.
Dous días máis tarde presentouse nas dependencias da Policía Local o lexítimo propietario da bicicleta, quen apuntou que denunciara a súa desaparición. Deixáraa encadeada nun estacionamento habilitado e ao ir recollela xa non estaba.
A bicicleta está valorada en 350 euros, polo que se instruíron dilixencias ante o xulgado por un presunto delito de furto.
Relacionadas:
-
Un menor, detido por roubar unha bicicleta de 700 euros
Por Redacción |
-
Levanta sospeitas cando arrastraba pola rúa unha bicicleta co cadeado posto
Por Oskar Viéitez |
-
Investigan danos en 25 trasteiros da contorna de Loureiro Crespo nunha soa noite
Por Natalia Puga |
-
Detido o ladrón en bicicleta
Por Redacción |